A modificación de competencias sobre as autorizacións de parques eólicos e liñas de alta tensión fíxose sen mudar as normas de reparto do alto tribunal galego e en contra do ditame da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo.
Unha vintena de colectivos da Coordinadora “Eólica Así Non” presentaron denuncia na Fiscalía Superior de Galiza para que investigue se a decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo, Azucena Recio, de mudar os litixios eólicos da Sección Terceira á Segunda do Contencioso-Administrativo do TSXG puidera ser constitutiva dun delito de prevaricación dos previstos no artigo 446 do Código Penal. Desde “Eólica Así Non” lembran que este cambio de criterio se comezou a aplicar sen mudar as normas de reparto aprobadas en 2023 e atendendo ao interese expresado pola Xunta de Galiza e empresas do sector eólico nos procedementos relativos ás autorizacións de liñas eléctricas.
A denuncia toma como base o auto desestimatorio para a paralización cautelar das autorizacións da liña de evacuación eléctrica Campelo-Mesón ditado pola Sección Segunda do Contencioso-Administrativo do TSXG o pasado mes de abril. Até esa data todos os procedementos de impugnación de autorizacións de liñas eléctricas para a evacuación da enerxía producida polos parques eólicos foran asignados á Sección Terceira, competente en materia de industria.
Colectivos e plataformas que integran a Coordinadora indican que este cambio de Sección, ademais de non atopar sustento en alteración algunha previa das normas de reparto de asuntos aprobadas a finais de 2023, entra abertamente en contradición co rexeitamento previo por parte da Sección Terceira de inhibirse nas súas competencias a favor da Segunda ante as solicitudes formuladas pola Xunta de Galiza e por empresas do sector co-demandadas.
Polo tanto, resalta a Coordinadora, que este cambio arbitrario de criterio adoptado pola presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG sen a aquiescencia da Sección Terceira aplicouse para satisfacer as demandas da Xunta de Galiza. O propio Goberno galego, a través da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, amosou publicamente a súa satisfacción tras o cambio de Sección de procedementos xudiciais precedentes relativos a proxectos eólicos e das súas liñas de evacuación.
Non hai que perder de vista que esta decisión se produce no marco do debate público sobre o actual modelo eólico, no que se confrontan os intereses das promotoras e da administración pública cos dos colectivos en defensa do medio ambiente e do interese público, que en non poucas ocasións teñen acabado en litixios.
Desde a Coordinadora “Eólica Así Non” considérase inadmisíbel que o Goberno galego pretenda interferir nas actuacións e decisións da Xustiza, co único obxectivo de aplicar sen trabas un modelo de espolio enerxético que só beneficia ás grandes multinacionais, sen ter en conta o impacto social, ambiental e económico destas instalacións e sen procurar que os beneficios desta actividade retornen no desenvolvemento de Galiza.
Neste senso, non deixan de sorprender as duras críticas que o PP lanza no Estado ao Goberno español polas súas presuntas inxerencias nos órganos xudiciais, reivindicando a independencia da Xustiza, mentres que en Galiza cuestiona abertamente a aqueles xuíces e xuízas que, actuando conforme á lexislación vixente, poñen en entredito a política industrial e enerxética de saqueo que promove a Xunta.
Até o momento presentaron escrito de denuncia na Fiscalía unha vintena de colectivos aos que se sumarán outras entidades nos vindeiros días.
A Coordinadora “Eólica Así Non” lembra que tamén presentou sendos escritos de queixa diante das presidencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que aínda non recibiron resposta.
Colectivos da Coordinadora que presentaron escrito de denuncia na Fiscalía: ADEGA, CIG, SLG, FRUGA, ORGACCMM, ACOUGA, Amigas da Terra, Asociación Vento Libre, Asociación Fonte Seca, Asociación Tarabelada, A.C.I.B.A.L. (Amil Sen Eólicos e Colectivo do Vento), Ortegal Di Non, Asociación de Veciños/as do Couzadoiro, Asociación Lobo, Nova Escola Galega, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación Veciñal Agra de Orzán.