A ORGACCMM impugna o Anteproxecto de Lei de Incendios e esixe o financiamento público das faixas e a blindaxe do monte veciñal

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) ven de presentar ante a Consellería do Medio Rural unha impugnación procedimental acompañada dun completo e ambicioso paquete de alegacións e emendas fronte ao Anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia. A entidade esixe a suspensión inmediata e a retroacción do procedemento debido á omisión do trámite preceptivo de información pública no Diario Oficial de Galicia (DOG), á vez que reclama un xiro copernicano nunha norma que cualifica de «profundamente punitiva, inxusta e incoherente».

Segundo denuncian desde a organización, o texto incorre nunha flagrante contradición xurídica: cualifica as medidas e faixas de protección como infraestruturas públicas de utilidade pública e protección civil, pero descarga a totalidade dos custos de execución e mantemento sobre as persoas propietarias e sobre as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), baixo a ameaza constante de sancións, execucións subsidiarias ou mesmo a expropiación dos terreos. Para a ORGACCMM, a proposta lexislativa aposta pola penalización no canto de combater as verdadeiras causas estruturais do problema forestal galego.

Os oito eixos fundamentais das emendas da ORGACCMM

O documento presentado estrutúrase en varias demandas crave para blindar a legalidade, os dereitos dos comuneiros e a xestión sustentable do monte:

  1. Impugnación procedimental por falta de información pública no DOG: Denúnciase que a Xunta intentou esquivar a participación cidadá real escudándose nunha Consulta Previa anterior á redacción do borrador, omitindo o trámite de audiencia no DOG sobre os 130 artigos do texto definitivo, o que incorre nun vicio de nulidade segundo o artigo 47.1.e da Lei 39/2015.
  2. Financiamento público das faixas de protección (Artigos 4.n, 20 e 39.2): Se a normativa define formalmente as faixas de seguranza como infraestruturas públicas de protección civil, a Administración autonómica e local debe asumir o seu custo e mantemento, ou ben articular convenios directos plurianuais dotados de orzamento específico coas CMVMC.
  3. Blindaxe constitucional fronte á expropiación (Artigo 52): O monte veciñal en man común constitúe unha propiedade colectiva de carácter xermánico, inalienable, inembargable, imprescritible e indivisible (avalada pola Constitución e a lexislación vixente). Exíxese unha cláusula de salvagarda expresa que blinde este patrimonio fronte a calquera intento de expropiación ou cesión ao Banco de Terras por deúdas de limpeza.
  4. Redefinición dos cometidos de Seaga (Artigo 15): Reclámase eliminar o rol de Seaga como axente coercitivo de cobro de multas e reconverter a súa actividade cara á execución directa de obras públicas preventivas e á xestión cautelar estritamente transitoria en montes desprovistos de comunidade.
  5. Creación do Observatorio Galego de Xestión do Territorio (Artigo 96): Proponse a creación dun órgano independente para a diagnose científica das causas dos incendios, dotado de datos abertos en formato GIS, que emita informes periciais obrigatorios ao servizo da Fiscalía de Medio Ambiente e dos tribunais.
  6. Responsabilidade nas infraestruturas enerxéticas (Artigo 82.4): Demándase a creación dun rexistro público de lumes orixinados por infraestruturas críticas (liñas eléctricas, vías férreas, parques eólicos e solares), identificando ás empresas responsables e impulsando o soterramento progresivo do cableado de risco.
  7. Cultura preventiva no currículo escolar (Artigo 81.3): Adaptación dos decretos educativos en Primaria e ESO para integrar a formación en cultura preventiva, a valorización do monte veciñal e a concienciación sobre os servizos ecosistémicos (auga, solo e biodiversidade).
  8. Participación cidadá e das asembleas (Artigos 14, 24.3, etc.): Información pública transparente no DOG e preceptividade do informe das Asembleas Xerais de comuneiros na elaboración e revisión tanto do PLIFOGA como dos plans preventivos municipais e de distrito.

Un chamamento ao diálogo institucional

Desde a ORGACCMM insisten en que «non se pode criminalizar á propiedade veciñal nin ás vítimas dos incendios», advertindo á Xunta de que resulta inviable construír un territorio resiliente e seguro fronte aos grandes incendios de terceira xeración sen contar coa participación activa e o recoñecemento das comunidades de montes. Por todo iso, a organización esixe a apertura urxente dunha mesa de diálogo real e a regularización formal do trámite no DOG antes de permitir que a norma avance na súa tramitación parlamentaria.

Comparte éste artículo
No hay comentarios