O BNG denuncia en Cervantes o abandono sanitario da montaña lucense e as mentiras do PP sobre Doiras

A veciñanza de Cervantes participou hoxe nunha concentración diante do consultorio de Doiras para denunciar a situación sanitaria que sofre o concello e o incumprimento dos anuncios realizados polo Partido Popular sobre a reapertura deste servizo. O Bloque Nacionalista Galego acompañou a mobilización e acusou á Xunta de “seguir enganando á veciñanza da montaña con promesas que nunca se materializan”.
A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, denunciou que “o PP leva anos xogando coa sanidade da veciñanza do rural e especialmente da montaña lucense, facendo anuncios propagandísticos mentres continúa deteriorando a atención primaria”.
Bardasco advertiu de que “a realidade que vivimos en Cervantes é moi dura: hai veciñas e veciños que teñen que facer desprazamentos de máis dunha hora para recibir atención médica, nun concello sen transporte público e onde moitas persoas dependen da boa vontade doutras veciñas ou de pagar un taxi para poder acudir a unha consulta”. Ademais, lembrou que “cando xa falamos de desprazamentos ata a capitalidade da comarca ou ata Lugo cidade, as dificultades multiplícanse aínda máis”
A nacionalista asegurou que “o consultorio de Doiras continúa pechado malia todas as promesas feitas polo PP e tampouco existe unha cobertura sanitaria estábel no centro de saúde de San Román, o que deixa á veciñanza nunha situación de absoluta inseguridade”.
Desde o BNG denunciaron tamén que “o propio Consello de Contas puxo de manifesto as carencias e a escasísima atención que o Goberno galego está prestando á atención primaria”, sinalando que “o que sucede en Cervantes non é un caso illado, senón o resultado dunha política continuada de recortes e abandono do rural”.
Maruxa Bardasco incidiu en que “a despoboación do rural non se combate con discursos baleiros, senón garantindo servizos públicos dignos e en igualdade de condicións coas zonas urbanas”. Neste sentido, criticou que “o Goberno galego está aplicando unha discriminación evidente cara ao rural e especialmente cara á montaña lucense”.
“Esiximos á Xunta de Galiza a reapertura inmediata do consultorio de Doiras e a cobertura estábel e permanente do persoal sanitario en Cervantes. A sanidade pública é un dereito básico e non pode depender nin de parches nin de anuncios para a foto”, concluíu.
O BNG avanzou que continuará apoiando as mobilizacións veciñais e levando esta situación ás institucións “até que a veciñanza de Cervantes teña a atención sanitaria que merece”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios