Noia celebra a súa primeira Xunta de Seguridade Local tras oito anos

O Concello de Noia celebrou hoxe a Xunta Local de Seguridade, un órgano de coordinación que non se convocaba dende había oito anos e que tivo como principal obxectivo analizar a situación de seguridade no municipio e reforzar as liñas de colaboración entre administracións e corpos de seguridade.

Na reunión participaron, entre outros, o alcalde de Noia, Fran Pérez; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Alamancos; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; D. Fernando Pedreira Lata, coronel e xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña así como o capitán da Garda Civil de Noia e o xefe da Policía Local, entre outros representantes institucionais e das forzas de seguridade.

Durante a sesión púxose de manifesto que Noia é un concello seguro, ao tempo que se incidiu na necesidade de continuar traballando de maneira coordinada para manter e reforzar esa situación, especialmente a través da cooperación entre a Garda Civil, a Policía Local e as distintas administracións.

O alcalde de Noia, Fran Pérez, destacou que “Noia é un concello seguro e estamos traballando para que o continúe sendo”, ao tempo que agradeceu “á Subdelegación do Goberno o seu interese, así como á Garda Civil e á Policía Local a súa participación nesta mesa de traballo”.

Pola súa parte, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Alamancos, agradeceu “á Garda Civil e á Policía Local a labor de vixilancia e seguemento que están a realizar” e sinalou que “existe un problema que non é só policial, senón tamén médico e social, relacionado co consumo de drogas”. Neste sentido, destacou que “a nosa responsabilidade tamén é educar, sobre todo aos mozos e mozas, para combater esta lacra”.

O subdelegado do Goberno, Julio Abalde, garantiu o apoio e a colaboración da Subdelegación co Concello de Noia e agradeceu a incorporación do municipio ao sistema VioGén, co obxectivo de reforzar a protección das vítimas de violencia de xénero.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios