Montse Valcárcel e Cristina López súmanse á protesta polos servizos nas Gándaras

 A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, acompañada pola concelleira do BNG en Lugo Cristina López, participaron unha semana máis na mobilización das usuarias e usuarios da residencia das Gándaras para reclamar unhas condicións de vida dignas e o respecto á súa intimidade persoal.

Valcárcel afirmou que «as persoas residentes nas Gándaras teñen dereito a vivir con tranquilidade e respecto, nun entorno que lles garanta intimidade e calidade de vida, especialmente tratándose de persoas maiores ou con problemas de saúde e mobilidade». A deputada do BNG transmitiu ás persoas afectadas o apoio do BNG e afirmou que «é unha reclamación xusta, trasladaremos a problemática das e dos usuarios ao Parlamento para forzar ao goberno a modificar a reforma prevista no centro».

O BNG conseguiu o apoio unánime do Parlamento Galego para abrir un espazo de diálogo coas usuarias/os da residencia das Gándaras a respecto das obras de remodelación previstas neste centro co obxectivo de escoitar as súas opinións e preferencias ao respecto. «Seguimos traballando para que este traballo se realice atendendo ás reclamacións da veciñanza», dixo a deputada do BNG.

As obras previstas pola Xunta de Galiza no centro van supoñer cambios que, segundo as usuarias, merman o seu dereito á intimidade e á privacidade, especialmente o das persoas que comparten habitación, que son a maioría. As Gándaras é un centro que comezou a funcionar en 1981, ten 45 anos e 218 prazas, das que 160 corresponden con habitacións son dobres. O proxecto de obra da Xunta non prevé construír máis habitacións individuais senón que as actuacións van encamiñadas a reorganizar os espazos, reducindo o espazo actual e deixando as camas separadas entre si só por unha mesiña de noite.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios