A Pobra do Brollón celebra as Letras Galegas co novo espectáculo de narración oral de Vero Rilo

O propio día das Letras Galegas, tamén na Casa da Cultura, haberá un acto para descubrir a placa co novo nome do salón de actos, ‘Os Cómicos de Salcedo‘.

O Concello da Pobra do Brollón celebra dous eventos na fin de semana das Letras Galegas. O sábado 16, a Casa da Cultura ‘Olga Novo’ acollerá o novo espectáculo de narración oral de Vero Rilo xunto co músico Luis Iglesias. 

Baixo o título de As Mil e Unha, o espectáculo busca achegar ao público familiar o universo literario da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño. Preséntase como un programa de radio en directo que abre unha porta á imaxinación para conectar os mitos clásicos coa realidade contemporánea, seguindo a mirada crítica, feminista e actual que caracterizou a obra de Begoña Caamaño.

O evento, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, será o sábado 16 ás 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre.

Ao día seguinte, o propio Día das Letras Galegas, domingo 17 de maio, no mesmo lugar haberá un acto para descubrir a nova placa do salón de actos, que recibe o nome de ‘Os Cómicos de Salcedo’.

A proposta do novo nomeamento do salón de actos, presentada polo grupo de goberno da Pobra do Brollón no Pleno municipal o pasado 24 de abril, foi aprobada por unanimidade.

Trátase dun recoñecemento aos veciños Cuco, Justo, Pepiño e Chinco, ‘Os Cómicos de Salcedo’, que foron parte fundamental do Teatro de Salcedo dende as súas orixes. Unha homenaxe que, segundo indica a concelleira de Cultura Marián Martínez, ‘se estende a todos aqueles veciños e veciñas que con talento e compromiso levan ao escenario a emoción, o humor e a autenticidade’. 

Na Pobra do Brollón hai unha forte tradición de teatro popular, co teatro do Entroido de Salcedo como eixe e a día de hoxe coa participación da veciñanza de moitas outras parroquias. Esta homenaxe, apunta Martínez, ‘vai acompañada do desexo de que esta tradición continúe por moitos anos máis, construíndo identidade colectiva e espírito comunitario’. 

O acto de descubrimento da placa será o domingo 17 ás 13:00 horas e contará coa participación de Cuco, Justo, Pepiño e Chinco. O acto é aberto a quen desexe achegarse.

Comparte éste artículo
No hay comentarios