Esta mañá tivo lugar no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) a reunión de lanzamento que marca o arranque oficial das tarefas do proxecto, coa participación dos representantes das entidades beneficiarias do consorcio.
O proxecto europeo MAREST, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, celebrou este martes a súa reunión de arranque (kick-off), que marca o inicio oficial das súas actividades científicas e de coordinación entre socios.
O obxectivo do programa é reforzar a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e á cohesión territorial das rexións participantes.
A iniciativa está liderada por Rodolfo Barreiro Lozano e Cristina Piñeiro Corbeira, investigadores do grupo Biocost do CICA e docentes da Universidade da Coruña.
MAREST enmárcase nun contexto europeo especialmente relevante tras a recente aprobación do Regulamento de Restauración da Natureza da Unión Europea, que introduce un cambio de paradigma na política ambiental: a restauración activa dos ecosistemas degradados pasa a converterse nunha ferramenta central de conservación, complementando as estratexias tradicionais de protección. Este novo enfoque impulsa a incorporación de medidas de reforzo activo de especies e hábitats ameazados nas estratexias de conservación.
Neste contexto, o proxecto MAREST propón desenvolver e avaliar estratexias aplicadas a dous recursos naturais mariños de alto valor ecolóxico e socioeconómico: os bosques de algas kelp (Macrocystis pyrifera) e as poboacións do ourizo de mar (Paracentrothus lividus).
Conservación e explotación sostible no litoral transfronteirizo
Os bosques de kelp constitúen ecosistemas clave do litoral, ao funcionar como hábitats estruturantes para numerosas especies mariñas e contribuír á biodiversidade e ao equilibrio ecolóxico costeiro. Pola súa banda, o ourizo de mar representa un recurso de alto valor comercial na rexión, especialmente relevante para as comunidades pesqueiras.
Ambos sistemas afrontan presións crecentes nos últimos anos. No caso das algas, o cambio climático está a provocar degradacións e perdas de cobertura. Pola súa banda, o ourizo ten un risco de sobrepesca recente que pode comprometer a viabilidade das poboacións naturais.
MAREST explora estratexias que permitan, por unha banda, evitar o colapso dos ecosistemas de kelp e, por outra, avanzar cara a modelos de explotación sostible do ourizo de mar, integrando enfoques de restauración activa e xestión adaptativa.
Arranque operativo e cooperación científica entre socios de Galicia e Portugal
A reunión inicial do proxecto reuniu a representantes das entidades beneficiarias participantes co obxectivo de establecer as bases organizativas e operativas do consorcio. Durante o encontro abordáronse aspectos clave de coordinación, planificación técnica e financeira, así como os mecanismos de seguimento e comunicación entre socios. Este primeiro encontro permitirá tamén perfilar con maior detalle a execución das tarefas previstas e consolidar o calendario de traballo das diferentes liñas de investigación.
MAREST reforza a cooperación científica transfronteiriza entre Galicia e Portugal, promovendo a colaboración entre grupos de investigación e entidades do ámbito académico e institucional, nun marco orientado á innovación, á sustentabilidade e á transferencia de coñecemento ao territorio.
O consorcio do proxecto está formado por entidades lusas e españolas que cobren distintos ámbitos da investigación, a produción e a xestión dos recursos mariños. Entre as entidades beneficiarias participan o IFAPA Centro El Toruño (Andalucía), a Hope Zones Association (Lisboa), as empresas galegas Porto-Muíños S.L. e AlgaFrés S.L., a Universidade de Évora, o Instituto Politécnico de Leiria, a Confraría de Pescadores da Coruña e o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) de Matosinhos. A estes súmanse como socios institucionais a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Viana do Castelo.
Sobre o CICA: coordinadores do proxecto MAREST
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.