Ameijide advirte da “mala xestión” da Área de Cultura por parte do BNG trala perda do dereito de cobro de máis de 18.000 euros de axudas da Deputación por parte de 28 colectivos da provincia  

Ameijide pide “operatividade” ao goberno provincial en relación ás axudas de Cultura porque “todos os anos pasa o mesmo” polo que cren que “o goberno de PSOE e BNG debería analizar esta situación e buscarlle unha solución”.

O PP condena a “mala xestión” e a “falta de operatividade” da Área de Cultura da Deputación de Lugo por parte do BNG. Como xa advertía fai uns meses o portavoz, Antonio Ameijide, fai uns meses “a forma de xestionar esta área xera un elevado número de renuncias por parte das asociacións e perdas do dereito a cobro”. De feito, PSOE e BNG aprobaron na última xunta de goberno a perda do dereito a cobro de subvencións concorrencia competitiva correspondentes á anualidade 2024, tanto para equipamentos-investimentos como para actividades culturais de 28 entidades da provincia por un total de máis de 18.000 euros.

Ameijide considera “demasiado elevado o número de asociacións que non cobrarán as axudas da Deputación” e advirte da “importante incidencia que ten a perda de ingresos por parte destas entidades para o desenvolvemento habitual das súas actividades, neste caso, relacionadas coa cultura”. Tamén se pregunta a que dirixirá o goberno de PSOE e BNG eses 18.000 euros que deixan de ingresar ás asociacións da provincia.

O portavoz popular cre que “non se lles pode poñer paus nas rodas ás entidades que serven de dinamizadoras sociais, especialmente no rural. A Deputación de Lugo ten que ser motor da provincia e tamén apoio ao tecido cultural”.

“Lamentablemente está a ser todo o contrario” á vista dos atrasos habituais por parte do goberno provincial á hora de convocar, tramitar e, especialmente, de resolver as axudas. De feito, as axudas da pasada anualidade, 2025, foron resoltas a finais de novembro. “Cun prazo de execución que remata a 31 de decembro, os colectivos só dispoñen de menos dun  mes para xustificar as axudas”; o que supón que “moitas asociacións non poidan organizar determinadas actividades porque non dispoñen da certeza de contar con ese apoio económico ou teñen que adiantar o diñeiro”. 

Polo tanto, os populares cren necesario “revisar as bases da convocatoria de axudas” para establecer uns “requisitos que favorezan ás entidades como, por exemplo, contar cun prazo máis amplo para dispoñer dos fondos, fundamentais para desenvolver as súas actividades”.

Ameijide pide “operatividade” ao goberno provincial en relación ás axudas de Cultura porque “todos os anos pasa o mesmo” polo que cren que “o goberno de PSOE e BNG debería analizar esta situación e buscarlle unha solución”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios