O BNG pide investigar a actuación das compañías após o apagamento dixital en Xinzo e Verín e exixe indemnizacións

Carme da Silva Méndez denuncia que o corte de telecomunicacións deixou sen servizos básicos a milleiros de persoas durante case 24 horas e pide a intervención da CNMC.

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, vén de rexistrar iniciativas para pedir ao Goberno do Estado que investigue o comportamento das liñas de telefonía após o apagamento dixital que deixou sen conexión durante case 24 horas a milleiros de persoas de Xinzo de Limia e Verín entre os días 7 e 8 de maio, e para reclamar que as compañías de telecomunicacións indemnicen automaticamente ás persoas afectadas, tal e como estabelece a lexislación vixente.

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, denuncia que “o sucedido puxo de manifesto a enorme vulnerabilidade das comunicacións en comarcas enteiras e a absoluta falta de resposta e transparencia das operadoras afectadas”. A nacionalista advirte ademais que “non estamos diante dunha simple incidencia técnica, senón dun colapso das telecomunicacións que afectou a servizos básicos, á actividade económica e á vida diaria da veciñanza”.

O corte masivo deixou sen internet e sen acceso a servizos esenciais a persoas usuarias de compañías como Vodafone, Lowi, Orange ou R, entre outras operadoras que comparten infraestrutura na zona. As primeiras informacións apuntan a que a avaría podería terse producido por un corte accidental da rede durante unhas obras viarias en Xinzo de Limia, aínda que outras versións sinalan tamén os efectos da tormenta rexistrada ese día sobre os cables subterráneos da rede de transporte.

O BNG subliña que as consecuencias foron “gravísimas” e afectaron directamente ao funcionamento de servizos sanitarios e administrativos. Ambulancias sen capacidade para recibir alertas, farmacias con dificultades para acceder ás bases de datos de para dar medicamentos, persoas que estaban a teletraballar mais que estaban sen conexión, negocios paralizados e mesmo a suspensión da atención administrativa no propio Concello foron algunhas das incidencias rexistradas.

Neste sentido, Carme da Silva critica que “despois dun apagamento dixital destas dimensións, hai compañías que se negan a aplicar automaticamente as indemnizacións ás que teñen dereito os seus clientes e clientas”. A senadora lembra que o Real Decreto 899/2009, que regula a carta de dereitos das persoas usuarias dos servizos de comunicacións electrónicas, establece claramente que as operadoras deben compensar automaticamente ás persoas abonadas cando a interrupción do servizo supera as seis horas entre as 8:00 e as 22:00 horas.

“O incumprimento desta obriga sería absolutamente intolerable e suporía unha vulneración flagrante dos dereitos das persoas consumidoras” alerta a senadora do BNG, quen reclama ao Ministerio de Transformación Dixital “que actúe de oficio, abra unha investigación inmediata e inspeccione o comportamento das operadoras”.

O Bloque demanda tamén que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia investigue os feitos e determine posíbeis sancións no caso de confirmarse incumprimentos da normativa vixente por parte das compañías de telecomunicacións.

“O rural non pode seguir sufrindo servizos de segunda nin quedar abandonado cada vez que se produce unha incidencia destas características” conclúe Carme da Silva Méndez, reclamando garantías para que situacións semellantes non volvan repetirse e para que a veciñanza afectada reciba as compensacións económicas que lle corresponden por lei

Comparte éste artículo
No hay comentarios