O secretario xeral local, Fernando Gutiérrez, e o deputado socialista no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, participaron hoxe nunha concentración diante do centro de saúde de Oroso para manifestar o seu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia de pechar o centro de saúde os sábados pola mañá e derivar a atención ao PAC.
Na mobilización participaron tamén compañeiros e compañeiras da agrupación socialista local, así como veciños e veciñas do municipio. Durante o acto, os representantes socialistas criticaron os recortes que, segundo indicaron, se están a producir na sanidade pública galega.
Aitor Bouza explicou que a concentración se enmarca nunha reivindicación que veñen realizando desde hai semanas. O deputado socialista afirmou que o obxectivo é reclamar “unha sanidade pública sen recortes” e defender que non se reduzan servizos nos centros de saúde, neste caso coa supresión da atención dos sábados.
Bouza asegurou que a veciñanza de Oroso está a expresar “alto e claro” o seu desacordo con esta medida e reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que escoite esta demanda. Segundo indicou, os usuarios e usuarias do centro de saúde queren contar cunha atención sanitaria “de calidade, máis próxima e máis cercana, capaz de atender as súas necesidades”.
Pola súa banda, Fernando Gutiérrez considerou que o peche do centro de saúde os sábados responde a “unha decisión claramente política da Xunta de Galicia”. O secretario xeral dos socialistas de Oroso afirmou que esta medida supón un novo recorte na sanidade pública e criticou que “en lugar de ampliar os horarios de atención, se reduzan os servizos dispoñibles”.
Gutiérrez sinalou que “moi lonxe de abrir os centros de saúde en horario de tarde, a Xunta quere pechar o centro de saúde de Oroso os sábados pola mañá”. O responsable socialista local asegurou que esta actuación lles parece “vergoñenta” e reiterou que tanto o partido como a veciñanza do municipio están en contra desta decisión.