A CGT chama a mobilizarse o 6 de xuño na Coruña en defensa do dereito á vivenda

A Confederación Xeral do Traballo (CGT) fai un chamamento á cidadanía para participar na manifestación que terá lugar o próximo 6 de xuño ás 12:00 horas na Coruña, en defensa do dereito a unha vivenda digna.

A mobilización partirá da praza de Ourense (Delegación do Goberno) e ten como obxectivo reclamar a posta en marcha de medidas urxentes que garantan o acceso efectivo á vivenda e poñan fin á situación que atravesan miles de traballadoras e pensionistas, obrigadas a destinar unha parte maioritaria dos seus ingresos ao pagamento do alugueiro ou da hipoteca.

Desde a organización sindical denúnciase que a situación actual é insostíbel e inhumana como consecuencia do encarecemento continuado dos alugueiros e do incremento das cotas hipotecarias. A isto súmase o aumento xeral do custo da vida —alimentación, enerxía e transporte—, que está a afondar no empobrecemento da clase traballadora, mentres os beneficios empresariais continúan a medrar.

A CGT advirte de que a especulación está a impedir o acceso a unha vivenda digna a amplos sectores da poboación, mesmo a persoas con emprego ou pensión, que se ven obrigadas a compartir piso, a atrasar a súa emancipación ou mesmo a convivir coa parella por non poder separarse.

O sindicato sinala que unha minoría de rentistas se enriquece á conta das rendas do traballo e do deterioro das condicións de vida da maioría social.

A organización vén participando en diversas mobilizacións na cidade, así como na Plataforma polo Dereito á Vivenda, á que anima a sumarse ao conxunto das traballadoras e traballadores.

Así mesmo, a CGT sostén que a loita pola mellora das condicións laborais e salariais debe ir necesariamente unida á garantía do dereito á vivenda, e critica a falta de respostas eficaces por parte dos diferentes gobernos —local, autonómico e estatal—, aos que acusa de manter políticas que favorecen a especulación e de facer os agasallos fiscais aos caseiros.

Por todo isto, o sindicato defende a mobilización social e a organización colectiva como ferramentas fundamentais para reverter a situación actual, e reafirma o seu compromiso de seguir traballando xunto a colectivos sociais e veciñais na defensa do dereito á vivenda e na loita contra o empobrecemento social.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios