O PP de Foz pregunta ao alcalde por que non se realizaron esta semana os exames prácticos de camión

“Queremos saber cal foi a razón exacta de por que non se están realizando os exames e se, en todo caso, a nova zona que presentou o alcalde posúe todos os permisos para poder facer as probas” sinala Javier Castiñeira.

O Partido Popular de Foz pregunta ao alcalde cal é o motivo polo que esta semana non se realizaron no municipio os exames prácticos de camión, tal e como estaba previsto.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica que esta situación xerou un importante malestar entre os aspirantes, moitos dos cales tiveron que desprazarse a outros lugares para poder facer as probas.

Segundo indica Castiñeira, o goberno local anunciou recentemente “a bombo e platillo” o cambio de zona de examinación, que anteriormente se realizaba en Marzán, detrás do pavillón, e que agora foi trasladada polo executivo municipal ao parque industrial de Foz.

Desde o PP aseguran descoñecer se a nova localización conta coa autorización necesaria por parte da Dirección Xeral de Tráfico para poder desenvolver este tipo de probas prácticas.

“Queremos saber cal foi a razón exacta de por que non se están realizando os exames e se, en todo caso, a nova zona que presentou o alcalde posúe todos os permisos para poder facer as probas”, sinala Javier Castiñeira.

Os populares subliñan que numerosos veciños lle trasladaron o seu enfado pola situación, especialmente despois de que se anunciara o inicio das probas na nova zona do parque industrial.

Por todo iso, o PP de Foz reclama explicacións ao alcalde e pide que se aclaren canto antes os motivos polos que esta semana non se celebraron os exames prácticos de camión no municipio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios