A Deputación da Coruña estrea a súa presenza en HIP cunha xornada dedicada ao produto local e á alta cociña

A Deputación da Coruña estréase este luns en HIP (Hospitality Innovation Planet)–Horeca Professional Expo, no recinto feiral madrileño do IFEMA, cunha programación centrada na cociña en directo, as presentacións de produto e os obradoiros de harmonías dirixidos ao público profesional. Santiago de Compostela e a súa comarca terán un protagonismo destacado nesta primeira xornada, que contará tamén coa participación de produtores e profesionais de Bergondo, Coristanco, Ferrol, Ribeira, Arzúa e da cidade da Coruña, ofrecendo unha mostra diversa do talento gastronómico e agroalimentario da provincia.

O vicepresidente da Deputación e responsábel de Promoción Económica, Xosé Regueira, destaca a importancia de reforzar a presenza da cadea agroalimentaria coruñesa nos foros profesionais do sector como é o caso de HIP, onde por vez primeira estará presente a marca ‘A paisaxe que sabe’.

Programación da Deputación da Coruña

O posto provincial abre ás 11:00 horas cun almorzo protagonizado polas galletas de Martietas de Fío, de Bergondo. Ás 12:00 horas terá lugar a presentación e degustación das Empanadas Ternura, da Coruña, e ás 13:00 horas será a quenda do xudión con nécora de Laxe elaborado por La Despensa D’Lujo, de Coristanco, nunha proposta que combina tradición e innovación gastronómica.

Ás 14:00 horas comezará o primeiro showcooking da xornada, a cargo de Beatriz Sotelo, do restaurante ferrolán Illas Gabeiras, que elaborará mexillón de Lorbé con escabeche suave e fabas con ameixas e alga codium. A chef repetirá a demostración ás 16:00 horas, reforzando a aposta por unha cociña de raíz atlántica adaptada ao público profesional que se dá cita no foro madrileño.

Entre ambas as sesións, ás 15:00 horas, desenvolverase un obradoiro de harmonías conducido polo sumiller e formador Alejandro Paadín, centrado nos viños da IXP Betanzos.

A programación do luns completarase ás 17:00 horas cunha presentación e degustación de ventresca de bonito do norte da Conserveira (Ribeira), maridada coa manteiga da empresa arzuá Galmesán e Vermut Lodeiros (Santiago de Compostela). Pechará ás 18:00 cunha degustación de lacón asado de porco celta de Cien por Cel, tamén de Santiago.

Con esta primeira xornada, a Deputación da Coruña activa en HIP unha programación que reúne restauración e produción agroalimentaria baixo o paraugas de ‘A paisaxe que sabe’, co obxectivo de reforzar a visibilidade da cadea de valor provincial nun espazo estratéxico para a innovación, o negocio e a proxección internacional do sector HORECA —hoteis, restaurantes e cafetarías—. Prevese que, durante tres días, pasen polo IFEMA máis de 60 000 profesionais e estean presentes máis de 1 000 marcas expositoras.

Comparte éste artículo
No hay comentarios