É habitual escoitar grandilocuentes discursos en foros sobre a repoboación e o asentamento do rural; eventos custeados con abondosos fondos públicos que serven, fundamentalmente, para o lucimento político en redes sociais e medios de comunicación. Porén, tras o postureo, a realidade é ben diferente: o rural non se fixa a base de fotos, senón creando emprego de calidade, sen destruír o territorio con proxectos mineiros nin con obras deseñadas para beneficiar ás elites de sempre. A lei debería ser igual para todos, pero este traballo demostra como a Xunta prioriza estes intereses por enriba do propio futuro do noso rural
Portocelo, Fonte das Mañas e Punta Centinela suman máis de 12.000 m² de dominio público marítimo-terrestre solicitado nun litoral recoñecido polo seu interese xeolóxico
A costa de Oia e O Rosal e a Serra da Groba afrontan unha transformación de gran dimensión coa concentración de tres proxectos de centrais hidroeléctricas reversibles de auga mariña: Punta Centinela, Fonte das Mañas e Portocelo.
A Xunta tramita actualmente as concesións de dominio público marítimo-terrestre de Fonte das Mañas, en Oia, e Portocelo, no Rosal. A primeira solicita 4.997,64 m² de costa pública e a segunda 4.835,93 m², destinados fundamentalmente a diques, tomas e tubaxes de captación e restitución de auga.
A estes proxectos súmase Punta Centinela, tamén en Oia, cunha solicitude publicada no BOE en 2022 para ocupar 2.278,40 m². O proxecto conta con antecedentes administrativos documentados desde 2012.
Entre os tres suman 12.112,37 m² de dominio público marítimo-terrestre solicitado, sen contar balsas superiores, conducións, accesos, liñas eléctricas e outras instalacións necesarias para o funcionamento das centrais.
A Lei de costas obriga a xustificar a ocupación
A cuestión non é simplemente se as centrais producen enerxía renovable.
A Lei de costas establece unha condición esencial: a ocupación do dominio público marítimo-terrestre debe quedar xustificada pola natureza da actividade e a normativa galega do litoral esixe, ademais, reducir a ocupación ao mínimo posible. Isto obriga a responder preguntas concretas: por que as instalacións teñen que estar precisamente neses puntos?, estudáronse outras localizacións?, existen solucións técnicas que ocupen menos costa?
A comparación resulta significativa. Fonte das Mañas e Portocelo solicitan, cada unha, máis do dobre de superficie de dominio público que Punta Centinela.
A Administración deberá comprobar que esa superficie é realmente imprescindible.
Tres expedientes, pero impactos que poden sumarse
Outra cuestión fundamental é determinar se os proxectos poden analizarse exclusivamente de maneira independente.
Portocelo e Fonte das Mañas tramítanse como actuacións diferenciadas, pero a documentación coñecida apunta a unha conexión eléctrica entre ambas.
Isto fai especialmente importante analizar os efectos acumulativos e sinérxicos das centrais sobre un mesmo territorio.
A pregunta non é só canto afecta cada proxecto por separado, senón que ocorrerá coa Serra da Groba e coa súa fachada atlántica se todas estas infraestruturas chegan a executarse.
Humidais e balsas de enormes dimensións
O impacto tampouco queda na costa.
As centrais necesitan grandes depósitos superiores para almacenar a auga mariña bombeada desde o Atlántico.
No caso de Fonte das Mañas, a balsa proxectada supera os 236.000 m² —23,6 hectáreas— e estaría próxima ao nacemento do Rego de Val de Aguieira.
A Serra da Groba alberga brañas, turbeiras, nacentes e outros ecosistemas húmidos. Por iso resulta imprescindible determinar que hábitats existen baixo e arredor das balsas.
Unha gran escavación, acompañada de impermeabilizacións, drenaxes, terrapléns e pistas, pode modificar a circulación superficial e subterránea da auga.
Non chega, polo tanto, con demostrar que unha balsa non ocupa directamente o leito dun regato. Hai que determinar se altera a auga que alimenta ese regato, os mananciais ou os humidais próximos.
A utilización de auga mariña engade outra cuestión: as garantías existentes fronte a posibles fugas ou episodios de salinización dos solos e das augas continentais.
A incógnita das coordenadas das balsas
A esta preocupación engádese unha carencia especialmente relevante para avaliar o impacto real dos proxectos: na documentación sometida a información pública consultada dos novos expedientes impulsados pola Xunta non se identifican de forma clara as coordenadas xeográficas das balsas superiores.
A ausencia dunha localización xeorreferenciada precisa dificulta que cidadáns, comunidades de montes ou colectivos poidan cruzar directamente a implantación prevista cos mapas oficiais de humidais, hábitats de interese comunitario, cursos e nacementos de auga, patrimonio arqueolóxico, áreas de interese paisaxístico ou formacións xeolóxicas.
E non se trata dun detalle menor. As balsas constitúen unha das maiores ocupacións territoriais destes proxectos: só a prevista para Fonte das Mañas superaría as 23 hectáreas.
Como pode avaliarse con precisión o impacto dunha infraestrutura destas dimensións se durante a información pública non resulta posible identificar de maneira inequívoca sobre cartografía oficial o punto exacto onde se pretende construír?
Nun procedemento no que a cidadanía dispón dun prazo limitado para formular alegacións, a localización precisa das grandes infraestruturas non debería ser unha información que haxa que deducir ou reconstruír: debería aparecer claramente identificada e ser facilmente contrastable coa cartografía ambiental e territorial pública.
Unha costa de interese xeolóxico
Existe ademais un elemento especialmente relevante.
O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España ten inventariado o Lugar de Interese Xeolóxico GM090, “Costa de A Guarda-Baiona, entre Cabo Silleiro e a desembocadura do río Miño”, no mesmo gran sector litoral onde se proxectan estas actuacións.
O IGME destaca nesta costa as súas plataformas litorais, depósitos continentais, cantís activos e a particular configuración xeomorfolóxica dominada polo macizo Groba-Valga.
A coincidencia exacta das obras marítimas con este Lugar de Interese Xeolóxico deberá comprobarse cartograficamente, pero a súa existencia obriga a introducir outra pregunta na avaliación: ¿Que elementos xeolóxicos ou xeomorfolóxicos poden desaparecer ou ser modificados polas tomas, diques, tubaxes e restantes obras?
O mesmo ocorre na parte alta da serra. As balsas poden implicar grandes escavacións e movementos de terras capaces de transformar permanentemente o relevo e a paisaxe.
A cuestión que deberá responder a Xunta
Os expedientes de Fonte das Mañas e Portocelo están en información pública. É agora cando administracións, colectivos e cidadanía poden examinar os proxectos e presentar alegacións.
Antes de conceder durante décadas o uso privativo dunha parte da costa, quedan cuestións fundamentais por responder: Necesidade da localización, alternativas, ocupación mínima, afección aos humidais e cursos de auga, patrimonio xeolóxico, paisaxe, resiliencia costeira e efectos acumulativos das tres centrais.
Porque o debate non é simplemente estar a favor ou en contra das renovables. A pregunta é moito máis concreta: ¿Estamos ante tres proxectos independentes ou ante unha transformación enerxética da costa de Oia e O Rosal e da Serra da Groba que debe ser analizada no seu conxunto?
Fontes:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260715/AnuncioG0760-070726-0007_gl.htmlhttps://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260720/AnuncioG0760-080726-0002_gl.html