Chega a Pontevedra, o venres, e a Santiago de Compostela, o sábado, o Concerto As rúas do vento ceibe

Un espectáculo musical único, con máis de trescentas voces e instrumentistas no cenario, que fai vibrar o público coa poesía de Manuel María.

Descubre más noticias musicales como ésta

Despois do éxito de Lugo, onde se encheu completamente o auditorio municipal Fuxan os Ventos, chega este venres, 29 de maio, a Pontevedra (Pazo da Cultura), e este sábado, 30 de maio, a Santiago de Compostela (Auditorio de Galicia), o Concerto As rúas do vento ceibe. Un espectáculo musical único, marabilloso e de grande formato, con 300 voces e instrumentistas no cenario, que fai vibrar o público coa poesía de Manuel María.

Trátase dun proxecto artístico, baixo a dirección de David Fiuza, actual director da Banda Municipal de Compostela, en que a palabra de Manuel María, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro se transforma en son e emoción compartida.

Unha actividade colectiva promovida pola Fundación e Casa-Museo Manuel María, que ten como finalidade poñer en valor a obra As rúas do vento ceibe a través da súa adaptación musical. O compositor Xosé Carlos Seráns, actual presidente da Asociación de Compositores Galegos, é o responsábel da creación das pezas, que serán interpretadas por unha formación musical de relevancia como é a Orquestra Sinfónica de Pontevedra e unha ampla representación coral de Galiza.

Participarán un total de oito corais —cinco de adultos e tres de nenos e nenas—, alén dunha mezzosoprano solista, configurando un conxunto artístico que reflicte a envergadura e a calidade desta iniciativa.

O concerto preséntase en dúas partes, sen intermedio. Na primeira a Orquestra Sinfónica de Pontevedra acompañará á mezzosoprano Julia Portela e ao coro de persoas adultas composto polos seguintes cinco coros: Coro de Cámara Thalassa de Marín, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral Solfa de Santiago, Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e Coro do Hospital de Lugo. Interpretaranse pezas compostas sobre poemas de Manuel María, Rosalía e Celso Emilio que son estreas no formato de orquestra sinfónica. Na segunda parte levarase a cabo a estrea absoluta de As rúas do vento ceibe, sete pezas compostas sobre outros tantos poemas de Manuel María pertencentes ao libro do mesmo título. Neste caso, a mesma orquestra acompañará ao coro infantil composto polos seguintes tres coros: Voces da Terra Chá (Lugo), Peque Coro In Crescendo de Ferrol e Coro IES A Xunqueira de Pontevedra.

Estes dous concertos que se levarán a cabo ás 20.30 hrs son gratuítos. En Pontevedra é de acceso libre até completar o aforo do Pazo da Cultura e no caso de Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia, é necesario retirar previamente o convite en liña: en https://compostelacultura.gal ou presencialmente: na Zona C (Preguntoiro, 1-Praza de Cervantes, en horario de martes a sábado, de 11 a 14 hrs e de 16 a 19 hrs).

Os concertos están apoiados polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Dinamización Social e Cultural, e pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Tamén colabora o Concello de Santiago de Compostela.

Comparte éste artículo
No hay comentarios