As persoas, entidades, organizacións e institucións adherentes á Alianza manifestan a súa vontade de establecer un marco de colaboración estable e operativo para contribuír á ordenación territorial e á xestión activa do espazo agroforestal en Galicia.
O Foro Territorio Rural Resiliente (FTRR) está a celebrar hoxe o seu gran evento de balance e propostas na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Esta iniciativa independente promovida desde a sociedade civil situou hoxe no centro do debate político e social o nacemento da ‘Alianza para un Territorio Rural Resiliente’ , un fito clave para redefinir o modelo territorial de Galicia.
O movemento está promovido pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e as máis de 120 entidades que contribuíron activamente ao proceso participativo aberto desde marzo dese mesmo ano.
“O futuro de Galicia vai depender en gran medida do futuro do seu rural. A perda de actividade agraria, o abandono de terras, a falta de xestión activa e a acumulación de biomasa obrígannos a pasar á acción. Nun contexto de cambio climático, non podemos pensar que a resposta aos incendios pase só por ampliar indefinidamente os medios de extinción: ten que comezar moito antes, cun territorio vivo, ordenado, xestionado e produtivo. Investir na recuperación e mobilización de terras, na actividade agraria e forestal e na xestión activa do territorio é investir na seguridade, na resiliencia e no futuro de Galicia”, sinala José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.
Pola súa banda, Inés Santé do LaboraTe da USC engade que ”o Foro representa unha oportunidade para implicar ao conxunto da sociedade galega no deseño do futuro que queremos para o territorio rural, que só será posible mediante unha ordenación do territorio que combine coñecemento técnico, participación cidadá e cooperación entre administracións, sectores produtivos e comunidades locais. A ordenación do territorio é a base para dar resposta aos conflitos e as necesidades dos usos agroforestais en Galicia e construír un consenso sobre o territorio.»
Unha estratexia compartida, un guión operativo, para o nacemento da Alianza
O obxectivo é abrir a adhesión formal a esta rede aberta e inclusiva de colaboración, que aspira a sumar as capacidades de persoas, entidades, profesionais, administracións, organizacións territoriais, centros de coñecemento e iniciativas privadas. A Alianza recolle o traballo desenvolto por seis mesas especializadas estruturadas en liñas estratéxicas que van desde a ordenación integrada de usos agroforestais ata a remuda xeracional, o acceso á vivenda ou a mellora do relato mediático do rural.
Esta folla de ruta non se concibe como un simple informe académico, senón como un guión operativo coordinado e un chamamento directo á corresponsabilidade e acción compartida da cidadanía na xestión activa do medio.
Inauguración institucional
O Foro comezou ás 10:00 horas cunha apertura oficial marcada pola urxencia de cooperar para superar o abandono e mellorar a seguridade colectiva ante o cambio climático, na que Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega agradeceu a participación e traballo das entidades promotoras e insistiu en que “a resilencia do noso rural é tarefa de toda a sociedade galega”.
Pola súa banda, Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela enfatizou o papel da universidade e a investigación ao sinalar que o LaboraTe é un reflexo do papel da universidade pública ao tempo que insistiu no acerto dunha iniciativa como o Foro ao asumir que os retos do rural non poden analizarse desde unha única perspectiva, senón desde unha reflexión compartida para construir o futuro.
A forza do consenso: sociedade civil e representatividade política
A ampla participación no Foro reflicte que o futuro do rural é unha urxencia compartida. Con máis de 230 persoas inscritas, o aforo do recinto completouse integramente, deixando a numerosas persoas en lista de agrada. Ademáis este encontro destaca pola súa transversalidade e representatividade institucional, logrando o fito de contar coa presenza de representantes dos tres grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, o que referenda a vontade de acadar un pacto estrutural máis alá dos cambios políticos.
Vocación de continuidade e plan de acción inmediato
O FTRR nace cunha firme vocación de futuro e permanencia. Os promotores subliñan que o proceso non remata hoxe, senón que esta cita constitúe o punto de partida para institucionalizar un marco estable de debate e de análise e impulso das políticas territoriais das políticas territoriais.
De feito, como primeira expresión práctica deste compromiso, durante esta tarde concretarase un plan de acción inicial composto por actuacións realistas e aplicables a curto e medio prazo. As persoas e entidades asinantes integraranse de inmediato en grupos de acción específicos para asegurar que as bases teóricas se transformen en proxectos piloto, mediación comunitaria e cambios normativos con incidencia real sobre o territorio.
Seguimento do programa oficial da xornada:
Tras a inauguración oficial e as intervencións de José Manuel Andrade (director da Fundación Juana de Vega) debullando os obxectivos xerais, e de Rocío Huerta (Goberno de Asturias) explicando o Pacto polo Medio Rural asturiano, o Foro avanza segundo os seguintes bloques:
• BLOQUE 1: Xestión activa do territorio, persoas e actividades económicas: Resultados por Quico Ónega (LaboraTe) e Vanessa Loureiro (Fundación Roberto Rivas). Casos inspiradores: Ramats de foc (Víctor Riera, Fundación Pau Costa), Movegandex (Ovidio Queiruga), iniciativa Aterra (Eva González, GDR Limia-Arnoia) e Fundación TerrEo (Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín).
• BLOQUE 2: Ordenación e gobernanza do territorio: Resultados por Inés Santé (LaboraTe) e Manuel Rodríguez (Fundación RIA). Casos inspiradores: Concentración parcelaria de Fisteus (Javier Caínzos, alcalde de Curtis) e o papel local (Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco).
• BLOQUE 3: Comunicación: unha nova forma de ver e de falar do rural: Resultados por Belén Regueira e Ángela Casal (Colexio de Xornalistas). Coloquio con Manuel Cruz (TVG), Alejandro Gómez (Campo Galego), María Cedrón (La Voz de Galicia) e Ignacio Márquez (Rural Hackers).
Despois dunha dinámica participativa, “Da proposta a acción”, para a identificación de prioridades e alianzas de futuro, a xornada rematará coa clausura oficial a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González e a presentación de conclusións e a folla de ruta da Alianza por José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, e Inés Santé, profesora titular e investigadora do LaboraTe-USC, que convidarán aos asistentes, así como a calquera persoa e entidade preocupada polo presente e futuro do rural de Galicia a sumarse á “Alianza para un Territorio Rural Resiliente”.
As persoas interesadas en adherirse poden facelo a través do formulario habilitado na web deste movemento: https://foroterritoriorural.gal/alianza/