O Pleno do Concello de Lugo aprobou hoxe por unanimidade unha proposta que impulsou o goberno local para iniciar o expediente de nomeamento de Xoán Montes Capón como fillo predilecto da cidade, nun acordo co que se busca recoñecer e poñer en valor o legado cultural, musical e humano dunha das figuras máis destacadas da historia de Lugo.
Desde o goberno local destacouse que a memoria e a obra de Xoán Montes “merecen altura política, responsabilidade e sentido institucional”, subliñando que se trata dunha distinción que debe representar ao conxunto da cidade e recoñecer unha figura que forma parte do patrimonio colectivo de Lugo.
A solicitude formal foi presentada no Rexistro Xeral do Concello o 17 de outubro de 2025 pola Asociación Orfeón Xoán Montes e contou co apoio de numerosas entidades e representantes do ámbito musical, cultural e educativo da cidade.
Entre os asinantes figuran o Seminario Diocesano de Lugo, o Círculo das Artes, a Banda Municipal de Lugo, o Conservatorio Profesional de Música, o Orfeón Lucense, o Coro do Hospital Xeral Calde, o Coro Lucus Terra, o Coro Xuvenil de Lugo, o Coro Amigos do Camiño, o Coro Adas do Colexio Fingoi, Lucus Ensemble, Son de Lugo, a Asociación Cultural e Musical Reviravolta, a Coral Xolda, a Coral Solo Voces, a Schola Gregoriana Lucensis, a Banda Filharmónica de Lugo, a Orquestra Terra Nova, a Asociación Cántigas e Frores, o IES Xoán Montes e a Coral Cantar Delas, ademais do propio Orfeón Xoán Montes como entidade promotora da iniciativa.
A alcaldesa puxo en valor o consenso acadado arredor desta proposta e o traballo realizado polas entidades que impulsaron esta petición.