Valentín González Formoso destaca que “un emprego digno é unha das ferramentas máis poderosas para gañar autonomía, autoestima e igualdade real de oportunidades”.
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade un convenio coa Asociación Síndrome de Down Teima de Ferrol polo que a institución provincial achegará 44.568,96 euros para apoiar o funcionamento dun programa especializado de inserción sociolaboral dirixido a persoas con discapacidade intelectual.
A achega da Deputación representa o 40% do custo total do programa, que ascende a 112.051 euros, e permitirá manter un servizo clave para que as persoas con síndrome de Down poidan adquirir competencias persoais, sociais e profesionais orientadas á súa incorporación ao mercado de traballo.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que este convenio “reflicte o compromiso da institución provincial cunha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas teñan a oportunidade de desenvolver o seu talento e construír un proxecto de vida propio”.
“Un emprego digno é unha das ferramentas máis poderosas para gañar autonomía, autoestima e igualdade real de oportunidades. Por iso é tan importante apoiar entidades como Teima Down Ferrol, que realizan un traballo imprescindible acompañando ás persoas, ás familias e tamén ás empresas neste proceso”, afirmou Formoso.
O programa desenvolvido por Teima Down Ferrol está orientado a superar as barreiras que aínda dificultan o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Para iso, a entidade traballa a través de itinerarios individualizados que combinan formación, desenvolvemento de habilidades sociais, adquisición de hábitos laborais e preparación para o desempeño dun posto de traballo.
A intervención non se limita á formación previa, senón que se estende tamén ao tecido empresarial da comarca de Ferrolterra. O proxecto inclúe labores de prospección de empresas, análise de postos de traballo, identificación de perfís axeitados e acompañamento técnico durante as primeiras fases da incorporación laboral.
Ademais, o servizo ofrece orientación continuada ás familias e desenvolve accións de sensibilización social co obxectivo de normalizar a presenza das persoas con síndrome de Down no ámbito laboral.
Formoso puxo en valor “a importancia de conectar as entidades sociais, as administracións públicas e o tecido empresarial”, e lembrou que “a inclusión laboral é fundamental na vida destas persoas”
Con esta colaboración, a Deputación da Coruña contribúe a consolidar fórmulas de emprego con apoio que permiten garantir a estabilidade dos recursos técnicos necesarios para avanzar na autonomía persoal e profesional das persoas usuarias de Teima Down Ferrol.
O obxectivo final do programa é favorecer a igualdade de oportunidades e facilitar que as persoas participantes poidan desenvolver unha vida máis independente mediante o acceso a un emprego digno, estable e adaptado ás súas capacidades.