O curso será impartido por profesionais do sector vinculados a SOGARISA e máis por persoal docente e investigador da Universidade da Coruña (UDC).
A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), situado no Concello das Somozas e xestionado por SOGARISA, acollen o “Curso de Xestor/a de Residuos: a actividade profesional verde”, do 20 ao 24 de xullo, de 09:00 a 14:00 horas, da man da Cátedra Epifanio Campo que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Grupo Rodonita.
Ao igual que en edicións anteriores, o Campus Industrial de Ferrol acolle unha formación dirixida a todas aquelas persoas que queiran adquirir unha competencia profesional básica no eido da xestión dos residuos industriais, poñendo o foco no estudantado e nos titulados e tituladas universitarias, así como nos e nas profesionais do ámbito industrial que queiran iniciarse ou afondar nesta temática. Os contidos teñen un enfoque eminentemente práctico, tendo en conta tanto a perspectiva profesional do xestor ou xestora de residuos autorizado como a de calquera industria xeradora de residuos.
O curso será impartido, en boa medida, por profesionais do sector vinculados a SOGARISA entre os que figura o seu director xeral, Antonio Roncero, o seu xefe de Planificación e Sistemas, Santiago Roncero; o seu director comercial, Víctor Fernández, ou a súa directora de Laboratorio, Belén Filgueira. Por parte da Universidade da Coruña (UDC), impartirán docencia neste curso a catedrática de Química Analítica e integrante do grupo de investigación Química Analítica Aplicada (QANA), Soledad Muniategui; a integrante do grupo de investigación Dereito Público Global, Itziar Sobrino, e o profesor da Facultade de Economía e Empresa, Guillermo Iglesias.
O denominado “emprego verde” é unha das saídas profesionais con mellores perspectivas de futuro. As súas áreas de actuación son amplas e variadas, dentro das se que inclúe a figura do xestor ou xestora de residuos para levar a cabo de forma axeitada a recollida e transporte, almacenamento, tratamento, valorización e/ou eliminación dos materiais de refugallo que se producen nas actividades industriais.
As persoas interesadas en participar neste curso formativo teñen ata o 22 de xuño para formalizar a súa inscrición. O prezo da matrícula para o alumnado dalgún dos títulos oficiais da Universidade da Coruña (UDC) é de 75 euros. A tarifa para o público xeral ascende a 100 euros. Máis información enviando un correo electrónico a catedra.epifaniocampo@udc.es.
Impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e polo Grupo Rodonita
No ano 2019, a Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita poñen en marcha a Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e dirixida pola profesora Maripaz Mateo. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.