Será na rampa de entrada ao hospital o xoves 4 de xuño ás 12 horas
A Plataforma Sanitaria da Mariña ven de unirse á chamada de SOS Sanidade Pública para todo o país e convoca unha concentración diante do hospital da Mariña en resposta ás vergoñentas listas de agarda que están a sufrir as persoas enfermas e que en moitos casos sobrepasan ampliamente un ano, dándose moitos casos de dous e tres anos para unha consulta hospitalaria ou probas diagnósticas.
Estas excesivas agardas están a provocar atrasos en diagnósticos de procesos que poderían incidir directamente no pronóstico das enfermidades ou agravamentos en procesos xa diagnosticados e que precisan dun seguimento periódico para o seu control, dándose incluso casos nos que estas agardas resultaron fatais para as persoas. Desde este colectivo levamos moito tempo denunciando estas listas de agarda vergoñentas , que incumplen a lexislación e incidindo en que os datos que trascenden son irreais e mesmo están maquillados para amosar unha imaxe totalmente falsa do que acontece coa sanidade pública.
A coordinadora da plataforma sanitaria, Montse Porteiro anima a toda a sociedade mariñá a que acuda o xoves 4 de xuño ás 12 horas ao hospital para denunciar estas esperas que están a producir nas persoas medo, incerteza, complicacións das súas enfermidades e mortes que poderían terse evitado. Explica Porteiro que desde este colectivo integrado en SOS sanidade pública esiximos solucións xa, “incrementando os recursos da atención primaria e hospitalaria, poñendo a pleno rendemento os hospitais, rematando coas derivacións á sanidade privada, investindo o capital que se desvía á privada en mellorar a sanidade pública, rematando coa manipulación das listas de agarda e apostando pola dedicación exclusiva do persoal sanitario”.