CIG-Saúde denuncia que as pacientes de Xinecoloxía no Hospital da Mariña levan días sen servizo de timbre para pedir asistencia

A sección sindical de CIG-Saúde na Mariña vén de denunciar unha situación de extrema gravidade na planta de Xinecoloxía do Hospital da Mariña, onde o sistema de chamadas de enfermería atópase avariado desde, polo menos, o pasado venres.

Esta avaría impide que as pacientes ingresadas poidan comunicarse co persoal sanitario cando requiren atención, deixando á planta nunha situación de desamparo asistencial. Segundo sinalan dende a central sindical, o feito de que o sistema de avisos non funcione no punto de control está a obrigar a pacientes e profesionais a buscar fórmulas alternativas, e impropias dun centro sanitario, para o día a día.

«Unha situación insostible»

«As persoas ingresadas en Xinecoloxía están incomunicadas para poder avisar; moitas veces vense obrigadas a berrar ou facer palmas para que se lles oia desde fóra das habitacións», explican fontes de CIG-Saúde, sinalando a precariedade á que se ven sometidas tanto as pacientes como o propio persoal encargado de velar pola súa saúde.

Esta falta de medios técnicos básicos compromete directamente a seguridade das pacientes e dificulta gravemente o traballo do persoal, que non conta coas ferramentas necesarias para ofrecer unha asistencia óptima e rápida ante calquera urxencia.

Exixencia de respostas ao SERGAS

Dende CIG-Saúde consideran inaceptable que unha deficiencia desta magnitude se prolongue no tempo sen que se teña dado unha solución eficaz. Por este motivo, reclaman ao SERGAS unha explicación inmediata sobre os motivos da avaría e, sobre todo, a reparación urxente do sistema.

«A seguridade e a calidade asistencial das pacientes non poden depender da capacidade de berrar ou chamar a atención doutra maneira. É responsabilidade da Administración garantir que os servizos básicos estean operativos en todo momento», conclúen dende a sección sindical.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios