A deputada nacionalista Montse Valcárcel participará este venres ás 16.30 horas no Bar O Recuncho de Novo de Rioxoán.
O Bloque Nacionalista Galego de Pol organiza este venres, ás 16.30 horas, no Bar O Recuncho de Novo de Rioxoán, unha charla informativa baixo o título
“Novas oportunidades no sector forestal: o mercado do carbono CO₂”, que contará coa participación da deputada do BNG, Montse Valcárcel.
A charla abordará cuestións prácticas como o significado dun crédito de carbono, os tipos de proxectos forestais que poden encaixar no sistema galego. Tamén se explicarán os límites
e cautelas que cómpre ter en conta, xa que se trata dun mercado en desenvolvemento que pode xerar oportunidades complementarias, pero que require rigor, boa xestión forestal e
dimensión suficiente dos proxectos para resultar viable.
A charla quere ofrecer información útil e comprensible para todos os públicos, desde persoas sen coñecementos previos ata quen xa segue de preto a evolución do sector forestal e das
políticas climáticas. O obxectivo é contribuír a un debate informado sobre como converter a boa xestión do monte nun recurso económico complementario, sempre desde unha visión
realista, ligada á sustentabilidade, á prevención de incendios e á creación de valor engadido no propio territorio.
A formación nacionalista anima á veciñanza, ás comunidades de montes e ás persoas vinculadas ao sector forestal a participar nesta charla aberta, que servirá tamén para intercambiar
impresións e resolver dúbidas sobre un tema chamado a ter unha crecente importancia nos vindeiros anos.