Rubén Arroxo: «Agardamos que a renovación da rotonda de Benigno Rivera comece de xeito inmediato»

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas achegáronse ata o Ceao onde destacaron que a renovación da rotonda de Benigno Rivera con Infanta Elena e os treitos da avenida que comunican coa N-VI e a A6 «deben comezar canto antes». Arroxo lembrou que antes da moción de censura «quedou todo o proceso administrativo realizado, deixando só pendente a adxudicación en Xunta de Goberno», e afirmou que actualmente, unha vez completada toda a tramitación administrativa dende finais do mes de maio «é hora de comezar cos traballos canto antes».

O portavoz do BNG destacou que nos últimos 7 anos «desde o BNG fixemos un importante esforzo para manter en boas condicións as zonas industriais de Lugo», e afirmou que esta actuación era «un paso máis» na mellora dos espazos do Ceao. O BNG desde a área de Mobilidade preparou un proxecto que permitirá a mellora da rotonda «nivelando o terreo para eliminar as acumulacións de auga que se producían na zona», ademáis de mellorar os treitos de acceso «para garantir a seguridade viaria en toda a contorna».

A área de goberno do BNG elaborou o prego e abriu o procedemento de contratación. A renovación deseñada desde a área de Mobilidade baséase na renovación integral do firme desta rotonda. Para isto, os traballos comezarán co fresado da capa de rodadura actual e coa instalación posterior dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente que incluirá na súa base unha capa de rego de adherencia con emulsión bituminosa. Posteriormente, adaptaranse os rexistros e o repintado da sinalización horizontal. A renovación, ademáis, nivelará o terreo, eliminando os problemas de acumulación de auga durante a época de choivas que se podían ver nesta zona.

Rubén Arroxo afirmou ademáis que esta obra «reducirá ao máximo a afección ás persoas que traballan no Ceao», dado que a área de Mobilidade e Infraestruturas especificou no prego que os traballos se deben realizar en horario nocturno (entre as 22:00 e as 06:00), tendo en conta a alta intensidade de tráfico desta vía e buscando tamén minimizar o impacto da obra sobre a mobilidade e aumentar o rendemento da maquinaria, ao tempo que se mellora a seguridade na zona de traballo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios