Segundo o acordo de organización, as sesións ordinarias deben celebrarse o terceiro xoves dos meses impares, un calendario que a alcaldesa leva incumprindo todo o ano 2026.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Lourenzá veñen de rexistrar unha queixa formal ante a Valedora do Pobo pola “parálise institucional”» e o “reiterado incumprimento” da legalidade por parte da alcaldesa, que mantén ao Concello sen celebrar un pleno ordinario desde o pasado mes de novembro.
O voceiro popular, Roberto Díaz, recorda que, segundo o aprobado no pleno de organización ao inicio do mandato, a corporación local debe reunirse en sesión ordinaria o terceiro xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro. “No que vai de ano 2026, a alcaldesa obviou por completo este calendario, deixando de convocar as sesións correspondentes a xaneiro, marzo e maio”, destacou.
Os populares cualifican a actitude da rexedora como un “bloqueo democrático” que atenta directamente contra os dereitos dos concelleiros da oposición e, o que é máis grave, contra o dereito dos veciños de Lourenzá a estar informados e a que as súas demandas sexan debatidas no órgano máximo de representación municipal.
“Non nos gusta ter que recorrer á Valedora do Pobo, pero a alcaldesa non nos deixa outra alternativa ante o seu nulo respecto pola democracia”, explicou, ao que engadiu que “os plenos non son un capricho do Goberno, son unha obriga legal e o espazo onde se deben fiscalizar as contas, aprobar os proxectos e dar voz aos problemas dos veciños”.
Os concelleiros populares solicitan a intervención da Valedora do Pobo para que inste á alcaldesa a cumprir de inmediato cos acordos plenarios, poña fin a este secuestro institucional e convoque de xeito urxente o pleno ordinario que leva meses arrastrando.