Stop Biometano Deza. Unha chamada á reflexión: o que o Deza debe aprender da Laracha

A veciñanza da Laracha demostrou o camiño: unha mobilización histórica cunha manifestación multitudinaria e máis de 7.000 alegacións colectivas contra a planta de biometano da Laracha. Desde o Deza, felicitamos aos compañeiros da Laracha e facemos un chamamento urxente a alcaldes, concelleiros, empresarios e veciños para que se informen e non se deixen enganar polas falsas promesas desta industria.

Na Laracha non hai cores políticas, hai sentido común. A corporación local (PP) e a Deputación da Coruña (PSOE) rexeitaron por unanimidade un proxecto que prevía procesar 63.500 toneladas de residuos, alertando do impacto ambiental, do risco hídrico e da nula repercusión económica. Outros sete concellos da zona de todo signo político sumáronse ao rexeitamento.

Cómpre lembrar que o proxecto que as empresas IAM Carbonzero e Mapfre pretenden instalar en Agolada é un 57% maior (100.000 toneladas anuais). O propio alcalde da Laracha admitiu, tras visitar plantas similares, que os fedores son insoportables e afectan gravemente á calidade de vida.

O «pretexto» dos xurros e o silencio industrial

A industria utiliza os excedentes de xurro como escusa para implantarse en zonas gandeiras, pero os datos técnicos din o contrario:

  • Baixo rendemento: O xurro apenas xera metano en comparación cos lodos industriais. No proxecto da Laracha, os xurros representan só o 4,7%, mentres que máis do 80% son lodos de conserveiras.
  • Negocio redondo: As promotoras cobran cuantiosas primas das industrias por desfacerse dos seus residuos (ata 100€ por tonelada de restos de matadoiro). Unha vez instaladas, resulta moi sinxelo modificar os proxectos para substituír o xurro por lodos máis rendibles e perigosos.

Os gandeiros do Deza non necesitan macroplantas de fondos de investimento; precisan base territorial, axudas para ampliar fosas e o modelo europeo de plantas de autoconsumo no punto de orixe (Directiva 2008/98/CE). Se esta industria fose beneficiosa, non se ocultaría durante catro anos antes de saír no DOG.

Unha loita transversal en toda España

Desde Murcia ata Albacete, pasando por Antequera, agricultores, regantes e empresarios están acudindo aos tribunais contra estas macroplantas polo risco de transmisión de enfermidades (coma a peste porcina) e a destrución do tecido rural. Non é unha loita politizada, é unha defensa da saúde e do futuro.

Silleda: Un informe de Patrimonio que debería ser o punto final

Queremos facer público que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu un informe que declara INCOMPATIBLE o proxecto de Dafo Energías no polígono de Silleda. Ao situarse en pleno ámbito histórico da Vía da Prata (Camiño de Santiago), a Lei 5/2016 prohibe taxativamente as instalacións de xestión de residuos neste territorio. Segundo o equipo xurídico de Stop Ganadería Industrial, este documento debe ser suficiente para paralizar o proxecto.

Dezanos e dezanas: imos cargar nós co morto dunha industria destrutiva que ningún pobo quere, ou imos loitar con uñas e dentes como en Bergantiños?

Informate, apoia e asina as alegacións. O futuro do Deza non se vende.

Fotografía: Manifestación na Laracha

Comparte éste artículo
No hay comentarios