A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou hoxe na presentación de POWERBIM, unha empresa especializada en tecnoloxías para a xestión intelixente de edificios e infraestruturas que decidiu impulsar o seu crecemento desde Lugo tras a entrada de Lugo Transforma no seu capital.
No acto estiveron tamén o fundador e CEO da compañía, Fernando Morales, así como representantes de Torsa Capital, entidade encargada da xestión do fondo, entre eles o seu conselleiro delegado, Jesús Torres, e o analista de investimentos Jorge Leiro. Por parte do Concello asistiu ademais a concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz.
POWERBIM, fundada en Barcelona en 2022, desenvolveu unha plataforma tecnolóxica que integra ferramentas BIM, xemelos dixitais, xeolocalización, intelixencia artificial e análise avanzada de datos para optimizar a xestión de edificios e infraestruturas. A compañía opera nun mercado en plena expansión e conta cunha carteira de clientes de relevancia internacional entre os que figuran Amazon, Zalando, Stellantis, Aena, Renfe, Ferrovial, o Banco Europeo de Investimentos, os Portos de Abu Dhabi ou o Porto de Vigo.
O crecemento da empresa nos últimos anos foi especialmente significativo, pasando dunha facturación de 145.000 euros en 2023 a máis de 904.000 euros en 2025. A operación presentada hoxe, liderada polo fondo The Lab Ventures, supón unha inversión de Lugo Transforma de 300.000 euros.
A empresa conta xa cunha oficina na rúa Amendoeira de Lugo e prevé ampliar progresivamente o seu equipo ata alcanzar os 15 traballadores nos próximos anos, incorporando perfís vinculados á programación, desenvolvemento tecnolóxico, vendas, finanzas e operacións.
Durante a presentación, Elena Candia destacou a importancia de seguir aproveitando ferramentas capaces de atraer talento, innovación e actividade económica para a cidade.
“Estamos nun momento de análise e avaliación, pero quero deixar claro que non vimos a pechar portas nin a renunciar ás oportunidades que sexan positivas para Lugo. Hai un importante volume de investimento comprometido e queremos aproveitar o traballo realizado para seguir captando talento, empresas e oportunidades para a cidade”, sinalou.
A alcaldesa explicou que o novo goberno municipal está a traballar para adaptar Lugo Transforma ás prioridades do seu modelo de cidade, reforzando a súa capacidade para atraer proxectos empresariais innovadores e contribuír ao desenvolvemento económico de Lugo.
“O noso obxectivo é que Lugo siga gañando peso como polo de atracción empresarial e como motor económico da provincia. Queremos aproveitar o potencial desta ferramenta para xerar emprego, atraer investimento e crear novas oportunidades para os lucenses”, engadiu