Oscar Lema, responsable local do BNG de Zas: “Unha explotación mineira a ceo aberto nesta localización pode causar graves prexuízos á zona, como contaminación do solo, das augas e do aire, e pode afectar á saúde da veciñanza polo ruído e vibracións, así como perdida do valor das vivendas e un grande impacto ambiental e paisaxístico”.
O BNG, a través do deputado Oscar Insua, rexistrou no Parlamento galego varias preguntas nas que traslada a preocupación da veciñanza polo proxecto de investigación mineira que a Xunta de Galiza vén de outorgar á empresa Caolines de Vimianzo, S.A. (Cavisa), e que afecta ao lugar de Fornelos (Zas). Trátase dun permiso, denominado Jorge Reyes, situado nos termos municipais de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas, para a investigación dos recursos mineiros de caolín, mica e minerais asociados, por un período de 3 tres anos e sobre unha superficie de seis cuadrículas mineiras.
Desde a formación nacionalista salientaron que aínda que o dereito mineiro afecta aos tres concellos mencionados, é en Zas onde máis incidencia ten, tanto en superficie como en que afecta directamente ao núcleo de poboación de Fornelos, ao estar dentro do perímetro do dereito. “Por esta razón, toda a xente está preocupada, a veciñanza de Fornelos, xunto co alcalde e a corporación municipal, que non recibiron ningún tipo de comunicación e información sobre este eventual proxecto por parte da Consellería de Industria”.
O deputado Oscar Insua, na súa iniciativa, quere saber cales foron os criterios establecidos pola Xunta para outorgarlle o permiso de investigación a Cavisa, ademais de aclarar se a Consellería de Industria avaliou algún efecto sobre o patrimonio cultural antes de conceder a autorización. Así mesmo, pregunta se a Consellería de Industria vai a informar á veciñanza de Fornelos e ao Concello de Zas sobre o proxecto de investigación, e se autorizaría nun futuro unha mina de ceo aberto de caolín ao lado das vivendas de dito lugar.
O responsable local do BNG de Zas, Óscar Lema, manifestou que “tivemos coñecemento sobre autorización do proxecto de investigación para a explotación mineira a ceo aberto que afecta a Fornelos, na parroquia de Baio e nunha zona preto a vivendas, polo que solicitamos información completa e rigorosa ao respecto a través do noso parlamentario Oscar Insua co fin de analizar as deficiencias que poida conter o expediente é poder formular alegacións”.
Lema engadiu que “entendemos que unha explotación mineira a ceo aberto nesta localización pode causar graves prexuízos á zona, como contaminación do solo, das augas e do aire, e pode afectar á saúde da veciñanza polo ruído e vibracións, así como perdida do valor das vivendas e un grande impacto ambiental e paisaxístico; por iso solicitamos acceso ao expediente completo para poder exercer o dereito das veciñas e veciños á participación e defensa”.