O PSdeG de Cariño denuncia a «inacción e deixadez» do Concello coas obras e subministracións do POS+ da Deputación

A Agrupación Socialista Local de Cariño denuncia «a inacción e deixadez do goberno municipal ao respecto das obras e subministracións do POS+ da Deputación da Coruña». 

O voceiro do PSdeG cariñés Jonathan Miranda sinala que a institución provincial «ten aprobados para o Concello de Cariño máis de 1,2 millóns de euros en obras e subministracións que o goberno municipal non é capaz de sacar adiante». 

Miranda lamenta que «ningún dos proxectos solicitado ºá Deputación neste mandato foi licitado», poñendo como exemplos o proxecto das rúas Río Miño, Sor e Sanchola e o proxecto da iluminación do campo de fútbol municipal. 

A actuación nas rúas Río Miño, Sor e Sanchola foi aprobada pola Corporación anterior e procedeuse a licitación da mesma. Porén, en decembro de 2023 quedou deserta, polo que os técnicos recomendaron facer unha modificación do proxecto. 

«O Goberno Municipal tardou 2 anos en presentar o novo proxecto, incrementándose o coste do mesmo en máis de 21.000€ que terá que poñer o Concello», advirte o portavoz socialista. 

Miranda puxo tamén como exemplo a iluminación do campo de fútbol municipal. O Pleno aprobou en setembro de 2025 a solicitude da súa inclusión no POS+, e en outubro de 2025, a Deputación pediu ao Concello que realizara varias modificacións no proxecto. 

«Desde ese momento, e xa van 7 meses, non se fixo nada», lamenta o socialista. «No último Pleno preguntamos pola situación e o goberno municipal recoñeceu que non se avanzou na modificación e que non eran capaces de que a empresa redactara os cambios solicitados», engade. 

Entre outras obras incluidas no POS+ están a reforma de varias rúas, a subministración dunha varredora, a reforma do campo de fútbol ou a rehabilitación dos parques infantís. 

«Esiximos ao goberno municipal que se poña a traballar nestas obras e subministracións, que na maior parte están financiadas íntegramente pola Deputación da Coruña», conclúe Miranda. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios