Rego critica a estratexia de “balóns fóra” do Goberno do Estado ao responsabilizar UE e Xunta de Galiza do proxecto: “cando tiveron oportunidade non fixeron reparo ningún.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou na sesión de control ao Goberno para reclamar á Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico o rexeitamento, por parte do executivo, da inclusión do proxecto da mina de Doade na listaxe de materias primas críticas da Unión Europea por non contar cunha avaliación técnica e ambiental previa e ante o seu alto impacto.
Durante a sesión de control ao Goberno, o deputado nacionalista lembra que a mina de Doade forma parte dos sete proxectos situados no Estado español que a Comisión Europea incorporou en marzo de 2025 á súa primeira listaxe de proxectos estratéxicos de materias primas críticas, unha iniciativa vinculada ao plan de rearme europeo.
Na súa intervención, Rego destaca que a mina xa contou cun intento de apertura no ano 2020 que foi frustrado pola denegación da autorización administrativa após un informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. “Foi rexeitado polo seu considerábel impacto ambiental” lembra.
O deputado do BNG alerta que o proxecto reaparece agora “vinculado ao programa Rearme Europa, pois o litio é un mineral fundamental na tecnoloxía militar, utilizado tanto en equipamentos como directamente en armamento”. Ademais, denuncia que o fai “sen sequera pasar por unha avaliación técnica e ambiental previa e co precedente de ter sido rexeitado xa hai seis anos polo impacto ambiental”.
Neste sentido, mostra a súa sorpresa porque “a pesar diso, o Goberno español non realizase obxeccións, como recoñece o seu Ministerio na resposta a unha pregunta escrita do BNG” criticando a estratexia estabelecida polo Goberno de responsabilizar Unión Europea e Xunta de Galiza sinalando que son as administracións competentes.
Para o deputado nacionalista, “o proxecto de mina de Doade non se xustifica, nin dopunto de vista ambiental nin do punto de vista da súa utilización para fins armamentistas e para cumprir co mandato da OTAN de incremento do gasto en defensa e investimento na industria militar, á custa do investimento en políticas sociais e na mellora dos servizos públicos”.
Rego enmarca tamén esta iniciativa “nun esquema de espolio da Galiza por parte de grandes empresas que non deixan ningún beneficio no noso País, mais si todas as consecuencias negativas”. Neste contexto, fai referencia a outros proxectos contestados socialmente como a mina de Touro-O Pino e Altri e lembra a mobilización convocada para o próximo domingo 14 na Illa de Arousa.
Finalmente, o deputado do BNG reclama á Vicepresidenta Terceira unha posición clara por parte do executivo estatal en contra da mina: “reclamámoslle, señora ministra, que o seu Goberno rexeite un proxecto como o de Doade, tan lesivo para o noso País”sentenza.