O Concello de Noia vén de sacar a licitación as obras de arranxo e posta en funcionamento do pozo de bombeo de Barro, situado na zona das Abruñeiras, cun investimento total de 33.950,41 euros.
A actuación consistirá no subministro e instalación dunha nova bomba, o que permitirá recuperar a operatividade desta infraestrutura esencial para a rede municipal de saneamento despois de varios anos sen funcionar. Trátase, ademais, dunha infraestrutura crítica, xa que é o pozo de bombeo máis próximo á estación depuradora, desempeñando un papel fundamental no correcto funcionamento de todo o sistema.
O alcalde de Noia, Fran Pérez, destacou que “seguimos avanzando na mellora das infraestruturas hidráulicas do municipio, actuando sobre puntos críticos da rede para garantir un servizo máis eficiente e fiable para a veciñanza. Sabemos que este tipo de actuacións non sempre son visibles, pero son imprescindibles para evitar problemas e para contar cun sistema moderno e preparado para o futuro”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas Caamaño, sinalou que “esta actuación dá continuidade ao traballo que o Concello vén realizando nos últimos meses para mellorar a rede de saneamento, con intervencións xa executadas na Albariza, en San Lázaro e coa mellora do bombeo do Paseo Marítimo. O noso obxectivo é seguir avanzando, paso a paso, na modernización dunha infraestrutura esencial para o municipio, actuando alí onde máis se necesita e resolvendo deficiencias que se arrastraban desde hai anos”
Ademais, o Concello continúa á espera de que Augas de Galicia entregue as obras da estación depuradora de augas residuais, unha infraestrutura que leva máis dun ano e medio sen prestar servizo debido ás obras executadas. O Goberno municipal considera prioritaria a súa posta en funcionamento para completar a modernización do sistema de saneamento e mellorar a xestión das augas residuais no municipio.
Con esta nova actuación, o Concello de Noia reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas básicas e coa resolución dos problemas históricos que afectan á rede municipal de saneamento.