Carmela López. A verdade sobre a defensa xurídica de José Tomé: aclaración ante as declaracións do PP

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, considera necesario responder ás declaracións realizadas polo portavoz do Partido Popular, Antonio Ameijide Osorio, ao respecto da defensa xurídica do expresidente e deputado non adscrito, José Tomé Roca, para evitar que a cidadanía reciba información parcial ou directamente incorrecta sobre este asunto.

En primeiro lugar, cómpre lembrar que a Deputación de Lugo conta cunha póliza de responsabilidade civil para autoridades, que dá cobertura aos 25 deputados e deputadas da Corporación, e ao persoal da Administración Xeral. Trátase dun instrumento habitual nas administracións públicas, destinado a garantir a protección xurídica no exercicio das funcións públicas e a evitar situacións de indefensión derivadas da actividade institucional.

É rotundamente falso afirmar, como está facendo o Partido Popular, que a Deputación teña decidido pagar a defensa xurídica de ningún cargo público. Non existe ningunha decisión nese sentido nin se adoptou acordo algún que implique o uso de fondos públicos para este fin.

Neste caso concreto, a cobertura da póliza está sometida a condicións moi claras e taxativas: a aseguradora só podería asumir o gasto no caso de que o solicitante resulte absolto ou de que as dilixencias sexan arquivadas. En ningún caso se asumirán gastos xudiciais derivados da comisión ou acreditación dunha conduta delituosa.

Por iso resulta especialmente grave que o señor Ameijide omita deliberadamente esta información e trate de trasladar á opinión pública a idea de que a Deputación está a sufragar a defensa dun investigado con diñeiro público. Esa afirmación non responde á realidade e só contribúe a xerar confusión e desconfianza entre a cidadanía.

A Presidenta da Deputación mantén un compromiso firme coa transparencia e co respecto aos dereitos de información de todos os grupos políticos. Desde a súa chegada á Presidencia todas as solicitudes de acceso á información formuladas polos deputados provinciais reciben resposta en tempo e forma, conforme aos procedementos establecidos.

No caso ao que fai referencia o portavoz popular, existe constancia documental de que se produciu un erro material involuntario na primeira remisión da documentación solicitada. Unha vez detectado, a propia Deputación comunicou de inmediato a incidencia ao solicitante e remitiulle o expediente correcto, garantindo así o acceso íntegro á información requirida.

Resulta preocupante que o Partido Popular pretenda converter un erro administrativo puntual, recoñecido e corrixido con total transparencia, nunha suposta estratexia de ocultación que nunca existiu. Os feitos acreditan precisamente o contrario: que a información foi facilitada e que a incidencia foi resolta de maneira inmediata.

A Deputación de Lugo seguirá actuando con rigor, transparencia e respecto absoluto á legalidade. O debate político é lexítimo e necesario, pero non pode sustentarse na deformación interesada dos feitos nin na difusión de mensaxes que non se corresponden coa realidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios