Hai que ver que rápidos son algunhas politicas para acudir ao rescate cando arrebola o vento. O Dépor decide poñerlle freo e control aos símbolos na bancada de Marathon Inferior e, de súpeto, entre a bruma de Riazor, emerxe dous días despois a silueta salvadora do BNG da Coruña. Avia Veira, atenta ao chío e ao murmurio do pobo, saíu ao ruedo en Twitter, agora X, para os modernos, cunha rapidez que xa quixera o contraataque do RC Deportivo. ¡Que firmeza! ¡Que oportunidade!
Home, é que catro mil abonados enfadados son catro mil votos… perdón, catro mil almas deportivistas ás que hai que defender do «desprezo» do xefe do Dépor. Faltaría máis. O de que a Liga teña as súas normas contra a violencia e o odio é o de menos; o importante é non «actuar preventivamente» e, de paso, gañar o aplauso do sector máis ruidoso da afección. Iso si que é xestión de proximidade.
O que resulta verdadeiramente marabilloso da nosa política local é esa magnífica capacidade para dosificar a enerxía. Para saír na foto defendendo os megáfonos e as pancartas de Marathon Inferior, o Bloque corre que se las pela. Pero ai, amigo, cando se trata dos temas importantes da cidade, a velocidade cambia a paso de procesión.
Por exemplo, o de que A Coruña quedase fóra do Mundial 2030 porque Inés Rey decidiu tirar a toalla… bueno, diso mellor non falar moito, de momento. Para que imos pedir explicacións con rigor ou buscar os motivos reais de semellante ridículo histórico? Iso non interesa tanto como o dereito a animar sen pasar polo filtro do Club. O Mundial de fútbol era só un evento de nada; o crucial é o compás que dita o Consello de Administración coas bufandas.
Nas cousas de comer, naquelas que de verdade cambian o futuro da Coruña, os nosos nacionalistas prefiren a comodidade do perfil baixo. Nos plenos municipais asístese a un auténtico festival de teatro: fan o paripé, erguen a voz, engurran o entrecello contra o Goberno local e, xusto despois, cando chega a hora da verdade, a de votar os presupuestos e outras cosas importantes para a cidade, apoian incondicionalmente ao PSOE para que nada cambie. Unha coreografía perfecta.
Pero non sexamos malpensados. Seguro que o de Marathon Inferior non é oportunismo descarado de manual. É simplemente que na Coruña temos as prioridades moi claras: primeiro arranxamos o ritmo da animación en Riazor, e despois, se queda tempo e non hai que enfadar moito a Inés Rey, xa se verá que facemos coa cidade.