O cuartel da Garda Civil na Fonsagrada ten un 70% das prazas sen cubrir

 “A realidade actual é crítica, xa que a gran maioría das prazas están sen cubrir e o cuartel conta unicamente con tres efectivos para prestar servizo: un sarxento, un cabo e un garda; mentres que en 2018 contaba cos 8 efectivos prestando servizo”.

Os senadores lucenses do Partido Popular, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, denunciaron hoxe o “progresivo desmantelamento” que está a sufrir a Garda Civil no medio rural por parte do Goberno do Estado, situando como un claro e preocupante exemplo a situación na que se atopa actualmente o cuartel da Fonsagrada.

Os senadores populares explicaron que este posto ten asignado un catálogo de 8 efectivos. “A realidade actual é crítica, xa que a gran maioría das prazas están sen cubrir e o cuartel conta unicamente con tres efectivos para prestar servizo: un sarxento, un cabo e un garda”, denunciaron. 

Dende o PP lucense lembran que esta carencia de axentes é un problema froito da “deixadez” dos últimos anos. A este respecto, subliñaron que no ano 2018 o catálogo de postos da Fonsagrada estaba completamente cuberto ao 100%, mentres que hoxe contan só con 3 efectivos. “A perda de axentes desde entón demostra unha total falta de compromiso coa seguridade do noso rural”, engadiron.

Unha situación que se engade á realidade que vive o cuartel. Mentres en 2018 abría todos os días “agora só o fai unhas horas tres días á semana”, nun municipio que é o de maior extensión de Galicia e que ademais conta cunha poboación envellecida.

UN NOVO CUARTEL, PERO SEN AXENTES

Respecto ao anuncio do encargo do proxecto para a construción do novo cuartel na localidade, os senadores do PP quixeron deixar claro que “é unha medida que nos alegra e á que non nos opoñemos en absoluto, xa que é unha vella demanda”. Con todo, amosaron a súa preocupación ante a posibilidade de que “haxa un cuartel sen axentes”.

“Todo apunta a que, se non se revirte esta situación de inmediato, o Goberno vai construír un cuartel moderno pero sen efectivos. Non queremos infraestruturas baleiras; o que A Fonsagrada e a súa comarca necesitan son os axentes comprometidos no catálogo para poder patrullar e protexer aos veciños coas máximas garantías”, concluíron.

Unha situación preocupante que non é nova na provincia, xa que otras localidades tamén sofren esta ausencia de efectivos. Por exemplo, O Valadouro, que ten un catálogo de seis axentes e só dúas prazas cubertas; Portomarín, cun catálogo de 8 e só 3 prazas cubertas; ou Castroverde, cun catálogo de 8 e só 4 efectivos prestando servizo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios