O Galician Freaky Film Festival leva o cine fantástico galego ata Xapón

O GFFF, membro da Federación Meliès, participa nun coloquio dentro da programación do festival Short Shorts Film Festival & Asia de Tokio, un dos máis relevantes de Asia.

O Galician Freaky Film Festival (GFFF), festival internacional de cine fantástico e freak de Vigo, continúa reforzando a súa proxección internacional coa participación do seu programador e cofundador, Ignacio Lago, nunha mesa profesional celebrada durante a 28a edición do Short Shorts Film Festival & Asia de Tokio (Xapón), un dos eventos de curtametrax máis relevantes do continente asiático.

Lago participou no coloquio What are international film festivals looking for today? (Que procuran os festivais internacionais de cine hoxe?) no que compartiu a visión do GFFF sobre os retos actuais da programación cinematográfica. Abordáronse cuestións como a crecente presenza de temáticas relacionadas cos conflitos bélicos e a emerxencia climática no cine fantástico; a importancia da orixinalidade fronte ao acabado técnico ou o papel fundamental dos festivais como espazos de comunidade e conexión profesional nun contexto marcado pola sobreabundancia de contidos audiovisuais.

Esta participación en Tokio non é un fito illado senón unha estratexia continuada de internacionalización do GFFF, que ao longo de 2026 tamén estivo presente no Festival International du Court Métrage de Clermont-Ferrand (Francia) e na Berlinale. Ademais a súa subdirectora, Miriam P. Álvarez foi membro do xurado da 32a edición do FantBilbao. O festival tamén consolidou a súa visibilidade internacional coa recente incorporación á prestixiosa Federación Internacional Méliès. Un traballo constante de difusión que contribúe a posicionar Vigo e Galicia dentro dos principais circuítos do cine fantástico en todo o mundo.

X EDITION: CELEBRANDO UNHA DÉCADA DE FREAKISMO

O Galician Freaky Film Festival afonda na esencia máis freaky do cine, celebrando a cultura audiovisual máis alternativa e de culto. O festival internacional de cine fantástico e freak de Vigo ofrece unha coidadísima selección de curtametraxes, traendo estreas absolutas en Galicia. Ademais é o festival é único no mundo por subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego. A décima edición do festival celébrase do 17 ao 26 de setembro en Vigo.

O seu ambiente único fai que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para vivilo en primeira persoa. A recente incorporación á prestixiosa Federación Méliés, así como o respaldo de máis de 4.000 asistentes na súa última edición de 2025, consolidan ao GFFF como unha cita obrigatoria para os amantes do cine fantástico e alternativo en todo o mundo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios