A inauguración coincide co Día Mundial do Refuxiado, que se conmemora cada 20 de xuño.
A Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña (UDC) e a organización non gubernamental Ayuda en Acción inauguran mañá sábado, día 20 de xuño, ás 11:00 horas na Sala Mayúsculas do MUNCYT,coincidindo co Día Mundial do Refuxiado, a exposición “Da terra ao refuxio”. Unha mostra que achega a crise humanitaria na provincia de Cabo Delgado (Mozambique) e o impacto que tivo a resposta baseada no coñecemento, desenvolvida xunto á UDC, co apoio da Xunta de Galicia (Cooperación Galega).
Esta exposición propón un percorrido en dous planos: unha parte técnica, para contextualizar a crise, explicando o estudo e prototipo de refuxio resiliente; e unha parte artística, centrada en fotografías que poñen rostro ao impacto da acción humanitaria. O obxectivo perseguido é visibilizar como a colaboración entre a ONG e a Universidade permite transferir a innovación ao terreo e mellorar a eficacia da resposta en contextos complexos.
Cabo Delgado atravesa unha crise prolongada desde 2017, marcada polo conflito armado, os desprazamentos forzados e eventos climáticos extremos. Neste escenario, o acceso a un refuxio digno é unha necesidade urxente: moitas familias viven en estruturas fráxiles, con masificación, falta de privacidade e maior inseguridade, cun impacto especialmente severo en mulleres e nenas.
Resultados con impacto real
A mostra recolle o traballo desenvolvido en 2024 e 2025 en distritos como Meluco e Metuge, onde se implantou un modelo de refuxio resiliente adaptado ao contexto, baseado en materiais locais, participación comunicativa e coordinación institucional. Entre os fitos presentados, destaca a construción de 200 refuxios resilientes (100 en Meluco e 100 en Metuge), formando tecnicamente a máis de 250 persoas en comunidades vulnerables do distrito.
A acción complementouse con 300 paquetes para reparación/construción e 862 kits de bens non alimentarios, chegando a máis de 6.800 persoas en comunidades vulnerables do distrito.
A exposición está comisariada pola profesora e investigadora do Grupo Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña Patricia Muñiz, quen explicará o proceso construtivo, mentres que Juan Luis Rod, fotógrafo das instantáneas, fará o propio sobre as súas sensacións na toma das fotografías. Así mesmo, GiuliaTieni, de Ayuda en Acción, participará achegando a súa experiencia sobre o terreo tras formar parte da unidade de Acción Humanitaria.
Información práctica
Exposición: ‘Da terra ao refuxio. Construción de vivenda de reasentamento ou retorno nas crises humanitarias de Cabo Delgado, Mozambique’
Lugar: MUNCYT A Coruña (Sala Maiúsculas). Praza do Museo Nacional de Ciencia, 1, 15011 A Coruña
Datas de visita: desde o 20 de xuño (peche pendente de confirmación)
Entrada: gratuíta