Elena Candia recibe ao Grupo Vindicta e destaca o valor da divulgación histórica no Arde Lucus

 A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe no Concello ao Grupo Vindicta Recreación Histórica, unha asociación dedicada á investigación, divulgación e recreación histórica de distintas épocas, que participa nesta edición do Arde Lucus coa organización de actividades destinadas a achegar ao público aspectos da vida cotiá na antiga Roma.

No encontro participou tamén o concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego, así como Alejandro Barrio, presidente da entidade, e Ambroggio Pompei, integrante da asociación italiana Romanitas e un dos recreadores históricos máis recoñecidos de Europa.

Durante o Arde Lucus, o Grupo Vindicta colaborará coa Garda Pretoriana desenvolvendo dúas actividades no campamento instalado na Praza de San Marcos. A primeira terá lugar o sábado ás 17.00 horas e estará dedicada á vestimenta feminina da época romana. A segunda celebrarase o domingo ás 12.00 horas e abordará o ritual da toga romana, unha das pezas máis representativas da sociedade da época.

Elena Candia puxo en valor o labor que realiza esta asociación, destacando o seu compromiso coa investigación e a divulgación histórica, así como a súa contribución desinteresada ao enriquecemento da programación do Arde Lucus.

A alcaldesa salientou tamén a importancia do traballo que desenvolven as asociacións de recreación histórica, auténticas embaixadoras dunha festa que cada ano medra grazas á implicación do tecido asociativo e ao esforzo de centos de persoas que colaboran de forma altruísta para achegar a historia á cidadanía.

O Grupo Vindicta impulsa ademais actividades divulgativas ao longo do ano, como xornadas dedicadas ao ocio na Roma clásica, aos oficios da antigüidade ou ao deporte histórico, contribuíndo a ampliar o coñecemento sobre o mundo clásico máis aló dos días de celebración do Arde Lucus.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios