A antiga casa reitoral, en pleno centro da vila, acolle este servizo dirixido especialmente a turistas e visitantes.
A Oficina de Información Turística de Caión ten as súas portas abertas no emblemático edificio da casa reitoral, en pleno centro da vila, onde está a disposición de veciños, turistas e visitantes.
A oficina permanecerá aberta de luns a sábado co obxectivo de ofrecer atención e asesoramento ás persoas que escollan o municipio como destino turístico, coincidindo coa época do ano de maior afluencia de visitantes. Estes son os horarios de atención:
• Luns: 15:00 a 18:00 h
• Martes a venres: 10:00 a 14:00 e 15:00 a 18:00 h
• Sábados: 10:00 a 14:00 h
A oficina conta con persoal técnico especializado que facilitará información sobre os principais recursos turísticos do concello da Laracha, así como doutros municipios da comarca de Bergantiños, da Costa da Morte e de Galicia en xeral.
Ademais de actuar como punto de acollida e orientación para os visitantes, este servizo contribúe á promoción de Caión como un dos destinos turísticos de referencia da costa galega grazas ao seu patrimonio natural, histórico e cultural, á súa tradición mariñeira e á calidade da súa praias e espazos de lecer.
Os usuarios poderán obter información detallada sobre praias, rutas de sendeirismo, eventos, festas e propostas de ocio, así como descubrir outros puntos de interese do municipio, entre os que destacan a área recreativa de Gabenlle, o paseo fluvial do Anllóns, o castro de Montes Claros, o mosteiro de Soandres e o menhir de Erboedo, elementos que conforman unha oferta turística diversa e atractiva ao longo de todo o territorio municipal.
Mención destacada merece o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, que durante o verán conta cun amplo horario de apertura para facilitar as visitas e achegar aos visitantes o valor etnográfico e patrimonial dun dos espazos máis singulares do concello.
As persoas interesadas tamén poden consultar a actualidade turística municipal a través das páxinas específicas dese departamento en Facebook (Turismo da Laracha) e Instagram (@turismodalaracha). Ademais, pódese contactar coa oficina vía telefónica.