Cristina García salienta en Vilarmaior a “relevancia” dos investimentos do Plan Único para o municipio, que en 2026 alcanzan os 642.454 €

A deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, visitou o municipio, onde destacou a importancia desta ferramenta de financiamento local para todos os concellos da provincia.

A deputada de plans provinciais, Cristina García Rey, visitou esta mañá o concello de Vilarmaior, onde destacou os investimentos do Plan Único da Deputación no municipio durante este 2026, que chegan aos 642.454€. Xunto ao alcalde, Carlos Vázquez, visitaron algunhas das obras financiadas cos fondos da entidade provincial.

Concretamente, visitaron as obras de mellora viaria de Arnelas, “un dos múltiples exemplos da inmensa relevancia que supón o Plan Único, que posibilita obras como estas que melloran o día a día da veciñanza”, sinalou a deputada, que tamén destacou os máis de 3 millóns de euros que Vilarmaior recibiu da Deputación dende o 2017, ano no que se creou o Plan Único, “como unha ferramenta que reparte os fondos públicos entre todos os concellos da provincia con absoluta obxectividade e transparencia”.

“Sen o Plan Único, moitos dos concellos non poderían afrontar as múltiples competencias – moitas delas, impropias – que teñen que asumir, pois o escaso financiamento por parte de outras administracións como a Xunta de Galicia,  sitúaos nunha situación de vulnerabilidade e falta de recursos”, engadiu.

Pola contra, o Plan Único, “ofrece recursos e tamén a flexibilidade para que sexan os concellos os que invistan os fondos da Deputación nos proxectos que consideren máis relevantes e prioritarios, gañando en eficiencia e en autonomía municipal na toma de decisións”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios