A formación nacionalista levou ao pleno dúas mocións para facilitar a participación do alumnado en saídas culturais e crear unha liña de axudas para material e transporte escolar.
O BNG do Corgo levou ao último pleno municipal dúas iniciativas encamiñadas a reforzar a igualdade de oportunidades no ámbito educativo e a aliviar a carga económica que as familias deben asumir ao longo do curso. As propostas, defendidas pola portavoz municipal do BNG, Pilar Bellón, puxeron o foco tanto no acceso do alumnado ás actividades culturais e didácticas como na necesidade de habilitar axudas para sufragar gastos escolares.
A primeira das mocións, que foi aprobada por unanimidade, reclama que o Concello do Corgo destine unha partida económica específica para que, con carácter anual, se poida ofertar ás familias do alumnado do CEIP unha excursión ou viaxe cultural. O obxectivo é facilitar a participación de todas as crianzas neste tipo de actividades, independentemente da situación económica de cada fogar.
A portavoz municipal do BNG, Pilar Bellón, subliñou que “nun CEIP, as experiencias didácticas con saída á contorna fomentan, ademais da convivencia, o acceso á cultura, e non podemos poñer límites ao ensino”. Bellón lembrou que este tipo de actividades forman parte do proceso educativo e contribúen a ampliar horizontes, coñecer o territorio e enriquecer a aprendizaxe do alumnado fóra da aula.
Desde o BNG advertiron de que a organización destas saídas supón en moitas ocasións un problema para as familias, tanto desde o punto de vista económico como loxístico, polo que consideran necesario que o Concello se implique para garantir que ningún neno ou nena quede fóra por razóns alleas á súa vontade.
A segunda moción presentada polo Bloque propoñía a creación dunha liña municipal de axudas para todos os niveis educativos, compatible con outras subvencións existentes, destinada á compra de material escolar e tamén a sufragar gastos de transporte. A iniciativa foi rexeitada, malia que o BNG considera que respondía a unha necesidade real de moitas familias do concello.
Pilar Bellón lamentou que o goberno municipal non apoiase unha proposta “pensada para acompañar ás familias nun momento no que o acceso á educación segue levando asociados gastos importantes e cada vez máis difíciles de asumir para moitos fogares”. A portavoz nacionalista defendeu que os concellos tamén teñen unha responsabilidade á hora de contribuír a facer máis doado o día a día das familias e de garantir que o acceso á educación se produza en condicións de igualdade.
O BNG do Corgo reafirma así o seu compromiso cun ensino público accesíbel e con políticas municipais que axuden a fixar poboación, apoiar ás familias e ofrecer máis oportunidades á infancia e á mocidade do concello.