As iniciativas seleccionadas abordarán retos en terapia xénica, almacenamento de enerxía e saúde cerebral, cun incentivo adicional para integrar ciencia cidadá no proxecto ReBrain.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña vén de resolver a III Convocatoria de Axudas para Proxectos Semente-Disruptivos entre grupos do CICA 2026/2027, unha iniciativa destinada a promover novas colaboracións científicas dentro do centro e reforzar o seu carácter interdisciplinar.
A convocatoria permitirá poñer en marcha tres proxectos colaborativos, seleccionados tras a avaliación realizada pola Comisión Asesora Externa do CICA. Cada unha das propostas recibirá unha financiación base de 15.000 euros, orientada a xerar resultados preliminares, abrir novas liñas de traballo e fortalecer a capacidade dos grupos para concorrer a futuras convocatorias competitivas.
Os proxectos seleccionados reflicten a diversidade científica do CICA e a súa aposta por conectar coñecementos, metodoloxías e capacidades de investigación complementarias para abordar retos de alto impacto desde unha perspectiva One Health.
Un dos proxectos financiados é CLip-GENE, Diversidade de lípidos vexetais asociada ao clima para sistemas de liberación de xenes de nova xeración. A iniciativa investigará compostos lipídicos obtidos de plantas para desenvolver novos sistemas de transporte de material xenético ao interior das células. Combinando climatoloxía, química, bioloxía celular e terapia xénica, o equipo buscará identificar moléculas naturais con propiedades singulares que permitan avanzar cara a tratamentos máis eficaces, seguros e sostibles.
A convocatoria tamén apoiará PerFASTBatt, un proxecto que explorará unha estratexia innovadora para mellorar as baterías de ión-litio mediante o uso de materiais híbridos capaces de crear, de maneira controlada, interfaces máis eficientes. A proposta busca contribuír ao desenvolvemento de baterías máis duradeiras e con mellor rendemento, nun ámbito clave para o almacenamento de enerxía e a transición cara a tecnoloxías máis sostibles.
Pola súa banda, ReBrain estudará o potencial de nanoplataformas de carbono para abordar procesos asociados ao envellecemento cerebral e á neurodexeneración. O proxecto empregará nanomateriais de carbono e modelos avanzados de barreira hematoencefálica para explorar novas aproximacións fronte a procesos relacionados co envellecemento celular e as enfermidades neurodexenerativas.
Como elemento diferencial desta edición, ReBrain recibirá ademais un incentivo adicional de 3.300 euros por incorporar actividades de ciencia cidadá, co obxectivo de favorecer a participación activa da sociedade na investigación e reforzar a conexión entre a actividade científica do centro e os retos que preocupan á cidadanía.
A convocatoria conta co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e cofinanciamento da Unión Europea a través do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027, no marco da acreditación de excelencia do CICA como centro integrante da Rede CIGUS.
Con esta nova resolución, o CICA consolida as súas axudas semente como unha ferramenta para estimular a colaboración interna, optimizar os recursos e o talento do centro, e impulsar proxectos con capacidade para medrar cara a novas oportunidades de financiamento, transferencia e impacto social.