Presidente do Ateneo Galeguista- A Terra Cha
O PPdeG vén de rexeitar no Parlamento Galego institucionalizar o 17 de agosto como DÍA DA GALIZA MÁRTIR. Unha aspiración moi sentida e compartida polos galeguistas e nacionalistas, así como por todas e todos aqueles que, dun xeito ou doutro, sufriron a barbarie daquel triste drama histórico. O 17 de agosto de 1936 foi vilmente asasinado polos golpistas facinerosos Alexandre Bóveda, un feito cruento consumado despois dun xuízo sumarísimo, de costas a un Piñeiro no monte da Caeira ( O Poio-Pontevedra). O seu único delito: o amor e compromiso con este país e as súas xentes.
Alexandre Bóveda era secretario xeral de organización do PARTIDO GALEGUISTA (PG), un persoeiro clave, xunto con Castelao, daquel ilusionante e fecundo proxecto político fundado en Pontevedra en 1931; unha confluencia de pensamento e compromiso da Galiza daquel tempo, na que se materializaban as arelas dende os Precursores, ás Irmandades da Fala e outras figuras que sentían un forte vencello e agarimo a esta Terra. Por elo, o 17 de agosto é unha data representativa, asumida e querida por todos aqueles e aquelas que compartimos o clamor de xustiza, reparación e non repetición daquela barbarie inferida polos golpistas contra o lexítimo goberno da Segunda República e a poboación inerme que a padeceu. Unha sementeira de almas, aínda pendentes de recoñecemento e reparación, con milleiros de vítimas espalladas polas gabias e soutos deste país, sen que os seus seres queridos podan honralos dignamente e choralos. Realidade pola que non resulta entendible, en termos de humanidade e xustiza que, noventa anos despois, o PPdeG manifeste esta despiadada desconsideración. A que tén medo, que miserias agocha?
Este tipo de feitos do PPdeG non son unha casualidade, senón a secuencia repetida e continuada; vímolo nos actos institucionais de recoñecemento a Castelao como primeiro presidente do Consello de Galiza, unha oportunidade perdida para unir institucionalmente o tracto histórico sucesivo que configura o noso autogoberno. Un simulacro de recoñecemento serodio xa acreditado na historia e no propio trámite procesual polo que Galiza accede ao autogoberno, malia a que as forzas tradicionais da dereita tentaran introducir aquela consabida aldraxe que tan oportunamente denunciu o profesor Meilán Gil. Logo, máis recentemente, o señor Rueda, veunos a refrescar a memoria dicíndonos que Castelao non foi o primeiro presidente de Galicia; e o señor Barreiro Rivas (outrora nacionalista moderado) tamén pontificou neste mesmo senso.
Mais no abrente destes días de verán, o Museo Provincial da Deputación de Pontevedra vén de anunciarnos a presentación do cadro “A DERRADEIRA LECCIÓN DO MESTRE” chegado a tal obxecto dende Bos Aires. Un cadro que forma parte da prolífica obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; unha peza pictórica que amosa un forte sentimento e simbolismo que tén que ver coa GALIZA MÁRTIR. Unha oportunidade que queda escurecida pola errática decisión do PPdeG, rexeitando, pois, institucionalizar o día da Galiza Mártir, motivo polo que algúns galeguistas con conciencia histórica e sentido de país, non imos participar en tal acto. Mais, seguramente, algúns outros que gostan destas cerimonias para lucimento persoal, aínda que baleiras de contido e coherencia, deixaranse caer por Pontevedra como figurantes da Santa Compaña dos inmortais. Alá eles e as súas procesións! Nós, seguiremos achegándonos ao monte da Caeira e ó cimeterio onde repousan os restos do noso irmán Alexandre Bóveda, co pensamento posto no seu exemplo, e no de tantos outros e outras que padeceron o mesmo drama nas súas vidas e das súas familias.