O Concello de Lugo regulariza e reforza a programación dos centros de convivencia cun investimento de 2,7 millóns de euros

 A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do contrato da programación dos centros de convivencia, poñendo fin a unha situación na que o servizo viña prestándose co contrato caducado desde había máis de dous anos.

O novo contrato prevé un investimento total de 2.724.849,92 euros, o que permitirá ampliar os recursos destinados á programación sociocultural e consolidar unha oferta estable de actividades nos centros de convivencia da Milagrosa, Fingoi, Leiras Pulpeiro, Sagrado Corazón, Uxío Novoneira, Maruja Mallo, María Balteira e Abella, así como no Centro Interxeracional Paco Martín.

A nova contratación contempla un volume de 28.668 horas anuais de actividade, das que 16.056 horas estarán destinadas á dinamización diaria dos centros de convivencia, 10.870 horas corresponderán a obradoiros, aulas abertas para menores e outras actividades socioculturais, e 1.742 horas dedicaranse á coordinación do servizo. Ademais, inclúe a organización de 10 saídas culturais ao ano.

A programación desenvolverase ao longo de todo o ano e incluirá actividades culturais, educativas, de promoción da saúde, envellecemento activo, intercambio interxeracional, conciliación familiar, dinamización dos barrios, aulas abertas para menores, xogos, bailes, lectura, saídas culturais e actividades de sensibilización e participación comunitaria.

O servizo está dirixido ao conxunto da poboación, aínda que presta especial atención ás persoas maiores, ás persoas con capacidades diferentes, ás familias, á infancia e aos colectivos en situación de maior vulnerabilidade, convertendo os centros de convivencia en espazos de encontro, participación e cohesión social.

Este contrato supón pasar dun investimento anual de 278.579 euros repartido en dous contratos separados a unha licitación única de 576.410 € anuais. Ademais do reforzo económico, o novo contrato incrementa en máis de 10.000 horas anuais a actividade nos centros.

Persoal e Licenzas

A Xunta de Goberno Local do Concello tamén abordou o reforzo de persoal técnico co nomeamento dun funcionario de carreira na categoría de enxeñeiro de Camiños, mediante promoción interna, reforzando así a estrutura técnica municipal.

No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno Local figura a concesión de tres licenzas para actuacións residenciais: (123 vivendas que supoñen ingresar nas arcas municipais 270.000 €)

–           a segunda fase da transformación de oficinas en seis vivendas na Avenida da Coruña,

–           a construción dun edificio de 57 vivendas na parcela A-7 do sector Sur-K, no Paseo dos Estudantes (planta soto para trasteiros e aparcamento, unha planta baixa para local sen uso, aparcametno, trasteiro e acceso e sete plantas altas e ático para vivendas)

–           e un novo edificio de 60 vivendas na parcela M-4 do sector Sur-K, na rúa Montirón (dúas plansa de soto a trasteiro e aparcementos, unha planta  baixa destiada a locais sen uso, oito plantas altas e ático)

Colaboración con outras administracións

Tamén se procede á aprobación do texto do convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para axilizar a construcción do parque canino en Fontiñas. A Xunta asumirá o financiamento que ascende a  140.000 euros  así como  a execución das obras e o concello porá a disposición os terreos asumindo posteriormente o seu mantemento.

 A Xunta de Goberno Local tamén deu o visto bo ao convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, un acordo que permitirá achegar diferentes exposicións itinerantes. A primeira delas será a que leva por título «¿Botamos un baile?», que poderá visitarse na Praza Maior entre o 13 de xullo e o 30 de agosto. A mostra, incluída no programa de itinerancias expositivas do Gaiás, realiza un percorrido por máis dun século de historia das orquestras de verbena en Galicia, poñendo en valor a evolución destas formacións musicais e o seu papel como parte esencial do patrimonio cultural e da memoria colectiva galega.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios