A idade e o comportamento do público condicionan a percepción de seguridade nos eventos deportivos, segundo un Traballo Fin de Máster (TFM) defendido no Campus Industrial de Ferrol

Elisa Fraga Galdo, alumna do Máster en Prevención de Riscos Laborais e Comúns, analiza a seguridade dos eventos deportivos desde unha perspectiva preventiva, centrada na percepción das persoas asistentes.

Analizar a percepción de seguridade das persoas asistentes a eventos deportivos desde a perspectiva da prevención e da xestión dos riscos. Este era o principal obxectivo do Traballo Fin de Máster (TFM) de Elisa Fraga Galdo, alumna do máster en Prevención de Riscos Laborais e Comúns, titulación que se imparte na Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol. Para acadalo, a alumna deseñou un cuestionario dirixido a persoas asistentes ou potenciais asistentes a eventos deportivos. A enquisa, na que participaron 180 persoas, permitiulle analizar a influencia de variables persoais e organizativas na percepción de seguridade mediante técnicas estatísticas e un modelo de regresión de Mínimos Cadrados Ordinarios (MCO). 

Baixo a supervisión dos seus dous titores, o profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Joaquín Enríquez, e o do profesor da Facultade de Ciencias do Traballo, Moisés Alberto García, a alumna do Campus Industrial de Ferrol analizou a seguridade desde unha perspectiva preventiva, entendendo que esta non só depende da existencia de dispositivos de seguridade ou de protocolos de actuación, senón tamén de como as persoas asistentes perciben a contorna na que se está a desenvolver o evento deportivo.  

Os resultados da enquisa, realizada en liña do 19 ao 26 de maio de 2026 a persoas de entre 16 e 65 anos da Comarca de Ferrolterra, amosan “unha relación negativa e estatísticamente significativa” entre a idade e a valoración da seguridade percibida. Isto significa que, a medida que aumenta a idade, tende a diminuír a sensación de seguridade. Tal e como salienta Elisa Fraga Galdo,“as persoas con máis idade soen prestar máis atención a determinados aspectos do evento, como a accesibilidade, a organización dos accesos, a claridade na información facilitada ou mesmo a presenza de persoal de apoio”. 

Con todo, o comportamento do resto das persoas asistentes ao evento constitúe o factor que máis inflúe na percepción da seguridade. Neste sentido, as condutas violentas, desordenadas ou conflitivas poden xerar inseguridade mesmo cando existen medidas organizativas axeitadas. Ademais, segundo explica a alumna da Facultade de Ciencias do Traballo, este resultado coincide coa análise descritiva realizada previamente, na que os comportamentos violentos doutras persoas asistentes foron identificados como a principal situación xeradora de inseguridade.

A enquisa tamén analiza cuestións relativas á práctica deportiva, á presenza de persoal sanitario, aos controis de acceso, á presenza visible de persoal de seguridade ou mesmo ao estado das instalacións. Sen embargo, ningunha destas variables acadou “significación estatística”. Aínda así, Elisa Fraga Galdo, recalca que a presenza de persoal sanitario e de ambulancias constitúe “un elemento relevante” dentro da planificación preventiva dos eventos deportivos. O mesmo ocorre cos controis de acceso que “reforzan a sensación de control” e co persoal de seguridade xa que “transmiten confianza e facilitana actuación ante posibles incidencias”. Do mesmo xeito, conclúe que “unhas instalacións limpas, iluminadas, accesibles e ben conservadas poden xerar unha maior sensación de organización e de control”. 

As situacións que máis inseguridade xeran

Entre as situacións que máis preocupación provocan entre as persoas asistentes a un evento deportivo son o comportamento violento do público (78,9%), as aglomeracións nas entradas e saídas (68,9%) e o mal estado das instalacións (60%). A continuación sitúanse a falta de persoal de seguridade (42%), a falta de información sobre como actuar en caso de emerxencia (27,2%) e a mala sinalización (21,1%). 

Pola contra, as pantallas informativas (72,2%), o persoal da organización (58,9%) e a megafonía (56,1%) son consideradas polas persoas enquisadas como os medios máis útiles para recibir información de seguridade nun evento deportivo. Tamén valoran positivamente a sinalización física (42,8%) e a información facilitada por redes sociais ou polas aplicacións oficiais do evento (31,1%).

Comparte éste artículo
No hay comentarios