O sindicato CIG denunciou publicamente as elevadas temperaturas e a alta humidade que soporta o persoal do Servizo de Cociña do Hospital da Mariña, especialmente durante o verán. Segundo a central, as instalacións rexistran medias de entre 27,7 e 28,6 graos centígrados, incumprindo gravemente a normativa legal vixente sobre os máximos autorizados en calquera posto de traballo.
O sindicato advirte que este exceso de calor supera o límite fixado para o risco por tensión térmica (establecido a partir de 27º C), o que supón un perigo potencial de desmaios e problemas de saúde para as traballadoras e traballadores.
Un ano de incumprimentos
A CIG sinala que a Dirección do Hospital é plenamente consciente do problema dende hai un ano, tras presentarse un escrito oficial con data do 8 de xullo de 2025 (rexistro 1.297). Por iso, acusan á Xerencia da área sanitaria de Lugo-Cervo-Monforte de incumprir a Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Ante esta situación, o sindicato esixe a adopción inmediata de medidas correctoras. De non solucionarse o problema, avanzan que se verán na obriga de presentar unha denuncia formal ante a Inspección de Traballo.