Cantanarrás reproduce, en esencia, o macropolígono Fonsanta, rexeitado ambientalmente en 2023

O proxecto de Vestas comparte o mesmo emprazamento, características técnicas e afección aos mesmos valores ambientais que motivaron o rexeitamento do proxecto de Greenalia, entre eles espazos protexidos, hábitats e especies sensibles. Ademais, o Estudo de Impacto Ambiental do novo proxecto omite este precedente administrativo e non xustifica por que, nas mesmas condicións ambientais, o actual debería recibir unha valoración diferente.

O macropolígono industrial eólico Cantanarrás, promovido por Tuñas Eólica —vinculada á fabricante de turbinas Vestas—, ocupa substancialmente o mesmo espazo que o P.E. Fonsanta, o macroproxecto que Greenalia Wind Power tentou instalar no Monte Grande (Bande, Rairiz de Veiga e Verea) e que a Xunta de Galicia rexeitou en 2023 mediante unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable, arquivando definitivamente o expediente en marzo de 2024.

A coincidencia non é casual: os dous proxectos comparten o mesmo monte, os mesmos concellos núcleo e o mesmo fabricante de aeroxeradores, con alturas moi similares (187 m fronte a 194,5 m). E, sobre todo, comparten os IMPACTOS CONTRA os valores ambientais que xa levaron ao rexeitamento de Fonsanta: a Reserva Internacional da Biosfera Gerês-Xurés, que cobre boa parte do territorio; especies protexidas e en risco de extinción, incluído o lobo ibérico; o humidal da Lagoa Grande, con petróglifos e hábitat de aves (sinaladamente, Águia Real); mámoas e restos arqueolóxicos; máis de 50 hectáreas de carballeira e hábitats prioritarios; e un piñeiral catalogado como Semilleiro Europeo. Todos estes elementos reaparecen, sen apenas variación, no novo estudo de impacto de Cantanarrás.

O máis grave: o EsIA de Cantanarrás, con case 1.900 páxinas, non menciona en ningún momento nin a existencia de Fonsanta nin a súa DIA desfavorable, nin a doutros dous macroproxectos veciños (Lamas de Feás e Monte da Neve) igualmente rexeitados en 2023 por motivos ambientais practicamente idénticos. Un silencio que Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova considera inasumible tratándose do mesmo territorio e dos mesmos informes técnicos, xa en poder da propia Administración.

A plataforma esixe que se incorpore ao expediente o texto íntegro daquela DIA desfavorable e que se explique, de forma motivada, por que o que era ambientalmente inviable en 2023 deixaría de sélo agora. Nos próximos días rexistraranse alegacións formais recollendo este e outros puntos do estudo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios