Un total de 30 mozos e mozas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e/ou do espectro autista participaron nesta iniciativa impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e máis pola Universidadde Cantabria (UC).
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a directora de Inserta Empleo en Galicia, Beatriz Gallego; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; a concelleira de Política Social, Rosa Martínez; e a directora do Programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña (UDC), Montse Muriano; clausuraron, a última hora desta mañá, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, o Campus Tecnolóxico Interuniversitario “Compartindo o Norte”, unha experiencia formativa e inclusiva dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e/ou do espectro autista.
O Campus Industrial de Ferrol e a cidade departamental acolleron, durante os últimos oito días e por primeira vez, o Campus Tecnolóxico Interuniversitario “Compartindo o Norte”, unha iniciativa organizada pola Universidade da Coruña (UDC) e a Universidad de Cantabria (UC), en colaboración coa Fundación ONCE e co financiamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), no marco da convocatoria Campus de Verano UNIVERSIDAD 2026. Nesta edición participaron un total de 30 estudantes: 21 pertencentes ao Programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña (UDC) e nove ao Programa UNIDIVERSIDAD da Universidad de Cantabria (UC). Durante a súa estadía en Ferrol estiveron aloxados na Residencia Universitaria, situada na rúa Sánchez Barcáiztegui.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, salientou que “unha sociedade avanza de verdade cando non deixa a ninguén atrás e cando entende que a diversidade non é un problema que resolver senón unha riqueza que cultivar”. Nesta mesma liña, recalcou que “na UDCqueremos ser unha universidade na que a diversidade sexa unha fortaleza e non unha excepción”. Tamén aproveitou a súa intervención para agradecer todo o traballo realizado ás persoas participantes no campamento, ás súas familias, ao “extraordinario equipo humano de Espazo Compartido”, algo no que tamén incidiu a súa directora, Montse Muriano, ás entidades colaboradoras e á Fundación ONCE.
Tanto a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, como a concelleira de Política Social, Rosa Martínez, amosáronse moi agradecidas coa elección, por primeira vez, do Campus Industrial de Ferrol e da cidade departamental para a posta en marcha deste campamento inclusivo. Ambas as dúas invitaron ás persoas participantes a repetir esta experiencia e ás persoas organizadoras a repetir este campamento para o próximo ano. Pola súa banda, a directora de Inserta Empleo en Galicia, Beatriz Gallego, felicitou a todas as partes implicadas e non descartou sumarse a algunha das actividadesformativas ou de lecer en futuras edicións.
Impresión 3D, robótica e videoxogos
Ao longo dos oito días que durou este Campus Tecnolóxico Interuniversitario“Compartindo o Norte”, os mozos e mozas inscritos participaron en obradoiros STEAM centrados, principalmente, na impresión 3D, na robótica e no deseño e desenvolvemento de videoxogos. Como peche a esta experiencia formativa e inclusiva, nos dous últimos días, traballaron, divididos en pequenos equipos, na elaboración dun proxecto colaborativo final denominado “Ciencia Compartida” eno que puxeron en práctica os coñecementos e competencias adquiridas no campus.
Durante a presentación dos proxectos, que tivo lugar na mañá deste mércores, amosaron pequenas réplicas da Torre de Hércules, da Ponte de Rande ou mesmo dunha das grúas do estaleiro de Navantia en Ferrol impresas en 3D. Ademais, presentaron as demos de dous videoxogos de creación propia, un deles protagonizado pola figura mitolóxica da Serea do Orzán. Tanto no proceso de procura de información como no da propia elaboración do proxectocontaron co acompañamento e coa orientación do profesorado vinculado ao Programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña (UDC), así como dopersoal de Gazapo Xestión, centro formativo con sede en Narón.
O programa deste campus tecnolóxico interuniversitario inclusivo completouse cunha proposta formativa centrada no desenvolvemento de habilidades persoais e sociais. Ao longo dos últimos oito días, a rapazada traballou aspectos como a comunicación asertiva, a xestión emocional, a oratoria e o traballo en equipo, co obxectivo de dotar ás persoas participantes de ferramentas útiles para a súa vida persoal e profesional. Ademais da formación, o campus incluíu unha amplo programa de actividades culturais, deportivas e de lecer. Entre elas, cómpre salientar as visitas a Exponav, ao Arsenal e ao barrio de Canido, así como as excursións á Fervenza do Belelle, á praia de Ares, ao Castelo de San Felipe ou ao Castro de Esmelle. A proposta lúdica completouse cunha actividade de deporte adaptado organizada en colaboración coa Fundación Enki.