O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que formulará unha serie de preguntas ao goberno municipal que preside Elena Candia, para coñecer a postura municipal respecto á ampliación do Pazo Provincial dos Deportes de Lugo. Arroxo explicou que “tras coñecer o estudo sobre a ampliación do Pazo, consideramos necesario que as distintas administracións se posicionen con claridade e digan se están dispostas a colaborar para facer realidade esta infraestrutura clave para o deporte lucense”.
O edil do BNG lembrou que “o Partido Popular foi moi reivindicativo con esta cuestión no pasado”, e engadiu “agora que ten responsabilidades de goberno, semella que desapareceu do mapa e evita posicionarse”. Arroxo anunciou que o BNG levará a pregunta á comisión municipal de deportes onde pedirá un «posicionamento claro» ao Partido Popular porque, segundo explicou «agora xa non valen as palabras, temos un proxecto enriba da mesa e o PP ten que mollarese e dicir claramente se vai ou non apoiar esta ampliación».
O estudo elaborado pola Vicepresidencia da Deputación propón unha reforma que permitiría crear arredor de 1.000 novas prazas no Pazo, cun investimento estimado de 13 millóns de euros, unha actuación que daría resposta ás necesidades actuais da instalación. A Vicepresidencia da Deputación deu traslado da iniciativa tanto ao Concello de Lugo como á Xunta. A proposta elaborada contempla a construción dunha nova estrutura perimetral no exterior do edificio que permitiría habilitar novos corredores de distribucion e evacuación e ocupar os actuais con gradas fixas. A intervención incrementaría a superficie construída do edificio e ampliaría a capacidade do Pazo.