Lugo, tanto a capital como a provincia, levan décadas de abandono en canto a infraestruturas e servizos ferroviarios se refire. Pero a burla nunca chegou a tanto como nestes días. Mentres nos venden politicamente obras faraónicas de infraestruturas, como a estación intermodal, ou outras tan básicas que son claramente insuficientes, como a mellora da vía entre Lugo e Ourense, resulta que, ao mesmo tempo, reducen os xa case inexistentes servizos ferroviarios que tiñamos, e aqueles que manteñen, non poden usar o tren por avarías permanentes, tendo que recorrer ao bus para poder facer un servicio insuficiente e deficiente.
A federación de asociacións Lugo Rural Importa quere deixar claro que, baixo ningún concepto, está disposta a calar fronte ao agravio ao que os responsábeis políticos actuais quere someter a Lugo. As asociacións de veciños integradas nesta federación non imos calar fronte a perda dos xa miserables servizos ferroviarios con que contaba esta provincia.
Imos por parte. O responsables desta desfeita é o actual goberno, así como todos os partidos que o apoian, incluído o actor convidado que en Lugo predica unha cousa e en Madrid é un dócil año. É certo que a perda de servizos é atribuíble tamén a anteriores gobernos nacionais doutro signo político ao actual. E tamén é certo que deputados e senadores de distinto color político evitan viaxar en tren entre Lugo e Madrid e entre Madrid e Lugo, o que di moito da súa sinceridade, da súa hipocrisía, á hora de reclamar máis e mellores servizos. Si, de todos os signos políticos, incorrendo nun fariseísmo impresentable. Prefiren o avión, aínda que sexa o medio de transporte máis contaminante.
Non imos calar. As asociacións integradas na federación Lugo Rural Importa non imos calar, nin faremos o caldo gordo ao Goberno e ós súes emisarios. Esiximos o final das obras, o final da mellora das infraestruturas nos prazos previstos, e esiximos o mantemento dos servizos ferroviarios existentes en especial con aqueles que nos acercan o resto de capitais da nosa comunidade e que nos permiten conectar coa alta velocidade, así como a creación doutros novos, incluía a recuperación dos trens nocturnos, especialmente nas relacións con Madrid e Barcelona.
Dende esta federación trataremos de buscar a unidade de colectivos veciñais, culturais, empresariais, en fin, da sociedade lucense en xeral, para apoiar esta sentida demanda de servizos ferroviarios acordes aos tempos que corren para a capital e para a provincia de Lugo. E avisamos de que non irán no carro desta federación os políticos lucenses, sexan do partido que sexan, que non se mollen de verdade nesta reivindicación e que non dean exemplo usando o tren como medio de transporte entre Lugo e Madrid e Madrid e Lugo. Da igual de que partido sexan, porque denunciaremos a falsidade do seu compromiso se non empezan por usar o tren. Quen pretenda usar o tren unicamente como argumento político que non conte con nós; é máis, que evite facelo, porque encargarémonos de desenmascaralo. Se de verdade queren servizos ferroviarios suficientes e eficaces para Lugo, encontraranos nesa loita. Senón, aparten. O tempo dos panos quentes xa pasou. É hora de esixir o que nos corresponde e de facelo coa forza necesaria, aquí, en Madrid, onde faga falta.