Cadernos da viaxe. Feijóo, Rueda e a fraude intelectual do absentismo

A ofensiva política e mediática despregada polas patronais CEOE e CEG, descaradamente apadriñada nestas últimas semanas, primeiro por Rueda e despois por Núñez Feijóo , ao respecto do denominado “absentismo laboral” constitúe un exercicio de cinismo analítico e de perversión xurídica que non se ten de pe fronte ao mínimo rigor estatístico. Cualificar de «cáncer» ou de «fraude» as ausencias xustificadas por incapacidade temporal (IT), como fixo sen pudor o líder estatal do PP é unha estratexia para criminalizar ás persoas traballadoras desviando a atención do verdadeiro problema estrutural: a demolición programada da nosa sanidade pública, singularmente da Atención Primaria, desenvolvida na Galicia por estes dezasete anos de gobernos de Feijóo e Rueda. Política común a moitos outros territorios con ampla traxectoria de gobernos de dereita, como é o caso da rexión de Madrid.

As evidencias oficiais de xullo son teimudas e desmenten de raíz a liña discursiva do empresariado institucional (que nin na Galicia nin no estado representa ao mundo empresarial no seu conxunto e moito menos ás pemes). Segundo as series do INE, máis do 77% das ausencias contabilizadas corresponden estritamente a baixas médicas validadas por facultativos. Non estamos, xa que logo, diante dunha fraude significativa, senón diante de  cidadáns enfermos, titulares dun dereito á saúde protexido polo Estado social. Pretender que a IT supón un  porque a negociación colectiva garante o cobro do salario íntegro é un ataque directo á liberdade sindical que busca abaratar o custo do despedimento e precarizar as relacións laborais.

O noso país amosa unha taxa de absentismo elevada (8,4%) e unha duración media das baixas que supera os 83 días, duplicando a media estatal. Pero cal é a causa? As análises indocumentadas da dereita ignoran deliberadamente o envellecemento dunha poboación activa concentrada en sectores de altísimo desgaste físico, como a industria naval, a automoción e o sector servizos. Xa non falemos das IT vencelladas á saúde mental, cunha duración media de 75 días por mor da falla de atención temperá da primaria e o bloqueo das listas de agarda para as consultas de psiquiatría e psicoloxía. Saúde mental e IT por doenzas músculo-esqueléticas; velaí o 61% das IT na Galicia. Fraude por absentismo? Fraude da dirección política e empresarial da sanidade pública galega polo seu naufraxio asistencial. E, tamén, da administración estatal da Seguridade Social operante neste país por non resolver a xeito e no seu tempo milleiros de supostos de incapacidade laboral permanente, quer total, quer absoluta.

Se acudimos aos datos de Eurostat, desmóntase por completo o mito da indolencia galega: economías do centro e norte de Europa, como Alemaña ou Francia, rexistran sistematicamente taxas de ausencia superiores ás do noso tecido produtivo, asumidas con normalidade grazas a modelos de xestión flexíbeis e sen a estigmatización punitiva que aquí se pretende instaurar.

A clave do diferencial galego non reside nun desaxuste ético dos operarios, senón no colapso burocrático e asistencial do SERGAS A incapacidade temporal convértese nun tempo morto artificial porque as listas de espera para unha proba diagnóstica, unha cirurxía ortopédica ou a precisa atención psiquiátrica e psicolóxica demóranse de xeito abusivo. As persoas  traballadoras afectas á IT (agás algúns supostos concretos pouco importantes cuantitativamente) queren volver á súa actividade recuperadas a xeito, mais sofren dunha agarda forzosa de meses imposta pola sanidade pública galega. A xestión do PP en Galicia e naqueles territorios  onde goberna fixo da Primaria un ermo de persoal e recursos. Culpar aos doentes do colapso que os seus propios recortes é unha actitude  política inaceptábel por cínica e irresponsábel.

A última xenialidade da Xunta de Rueda, ofrecendo pluses de até 2.500 € aos médicos de familia que acurten administrativamente as baixas subordinándoas a unhas supostas  «duracións estándar«, é a constatación empírica deste irresponsábel cinismo político. Presionar economicamente o criterio clínico dos facultativos para maquillar as estatísticas empresariais vulnera a deontoloxía médica e pon en risco a saúde pública.

 O absentismo por enfermidade combátese investindo na sanidade pública, axilizando as listas de agarda e dignificando as condicións de traballo. Todo o demais é propaganda  destinada a agochar o esfarelamento da sanidade pública, xerando, asemade,  división social e criminalización colectiva.

Comparte éste artículo
No hay comentarios