“O alcalde leva anos levantando reparos de Intervención para seguir pagando facturas a favor destas sociedades vinculadas entre si, relacionadas co BNG e co servizo de asesoramento xurídico de Adega nos casos contra a Xunta polos parques eólicos”, explica.
A portavoz do PP de Muras, Eugenia Requeijo, preguntou no último Pleno do Concello cando pensa o alcalde dar explicacións aos veciños e veciñas sobre as irregularidades no pago de facturas a gabinetes xurídicos vinculados ao BNG e, especialmente, por manter de forma continuada esta facturación por enriba do límite establecido para contratos menores incumprindo a lei, a pesar das advertencias de Intervención. “O alcalde, Manuel Requeijo, está desviando fondos públicos para empresas amigas do BNG, algo que non se pode tolerar”, sinalou a portavoz popular.
Así, o PP de Muras presentou unha denuncia por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa contra o alcalde nacionalista, Manuel Requeijo; toda vez que, sendo coñecedor dos reparos de Intervención, “os levantaba” para seguir permitindo durante anos unha facturación por riba do límite legal eludindo os controis propios da contratación pública e a libre concorrencia.
A popular engade, ademais, que se trata de facturas a favor de sociedades vinculadas entre si e a un deputado autonómico do BNG (partido do rexedor de Muras) por un valor de máis de 387.000 euros dende o ano 2015, data na que accedeu á alcaldía do municipio. “É un gasto altísimo para un concello de menos de 600 habitantes”, segundo manifesta Eugenia Requeijo que tamén remarcou “a duplicidade” que supón porque parte dese traballo de asesoramento xurídico o pode facer a Secretaria.
“Dende o PP de Muras miramos por que se xestione ben o Concello e levamos moito tempo denunciando nos plenos, a través da prensa e nas redes sociais as presuntas irregularidades do alcalde; pero fixo caso omiso. Agora será a Xustiza a que diga o que fixo ben ou fixo mal”, engadiu.
Eugenia Requeijo tamén lembrou que “as empresas contratadas polo alcalde son as que dirixen a asesoría xurídica de Adega en todos os procedementos contencioso-administrativos contra a Xunta polos parques eólicos”. Polo que aseverou que “dependendo dos concellos, ao BNG interésanlle os eólicos ou non. Neste caso interesan para sacar un gran proveito en facturas abonadas a gabinetes xurídicos vinculados ao BNG, pero noutros concellos paralizan todo”.
“O alcalde retirou o recurso que interpuxo contra a Xunta obviando supostas infraccións medioambientais por intereses propios na negociación coa empresa eléctrica”, subliñou a popular, quen tamén se pregunta se realmente había infraccións medioambientais ou era unha estratexia por puros intereses políticos.
A voceira do PP remarcou que o alcalde “gasta o diñeiro en asesoramento xurídico co pago de facturas de empresas vinculadas ao BNG e vinculadas aos recursos contra a Xunta polos parques eólicos”, insistindo en que debería “pensar máis no beneficio dos veciños e veciñas de Muras e non nos seus intereses propios ou do seu partido”.